Alumnado

Matrícula

Prazos para a realización da matrícula, recoñecemento de créditos, anulación de convocatorias e outros trámites relacionados co proceso de matriculación. Para a primeira matrícula, do alumnado de primeiro curso

Guía do alumnado

A Guía do alumnado é un documento que recolle aqueles aspectos da normativa administrativa e académica máis relevantes, polo que a súa lectura resulta moi recomendable para saber de cuestións que afectan a vida no centro das alumnas e dos alumnos: matrícula, recoñecemento de créditos, anulación de convocatorias, permanencia, titorías, uso de instalacións, mostras ou traballo fin de estudos.

CODEX PRO

Neste podes acceder ao Programa de Xestión de Centros, CODEX PRO, e ás utilidades de xestión académica do alumnado: matrícula, expediente, cualificacións, recursos de comunicación alumnado-profesorado.

Recoñecemento de créditos

A normativa xeral aparece recollida no Real Decreto 1614/2009 de ordenación das ensinanzas artísticas superiores, no Real Decreto 630/2010 de ordenación das ensinanzas superiores de Arte Dramática, e no Decreto 179/2015 que establece o plan de estudos das ensinanzas superiores de Arte Dramática na Comunidade Autónoma de Galicia. Nos seus aspectos concretos, o recoñecemento de créditos aparece recollido na Orde do 21 de novembro de 2016, onde se establecen os criterios e os procedementos específicos, e igualmente no procedemento PC601.02 Realización matrícula do Manual de Calidade da ESADg. Así, regulase que poderán ser obxecto de recoñecemento:

  • Estudos cursados e superados en ensinanzas oficiais en centros de ensinanzas artísticas superiores. Disciplina por disciplina.
  • Estudos cursados e superados en ensinanzas oficiais universitarias. Disciplina por disciplina.
  • Estudos cursados e superados en ensinanzas oficiais en títulos de técnico superior en artes plásticas e deseño, formación profesional ou ensinanzas deportivas. Disciplina por disciplina.
  • Participación en actividades culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias ou de cooperación, ata 6 créditos en disciplinas optativas.
  • Experiencia laboral e profesional acreditada. Créditos de disciplinas optativas.

A solicitude de recoñecemento de créditos realizarase no momento de realizar a matrícula, ordinaria ou extraordinaria, mediante o impreso IP601.02 Solicitude recoñecemento créditos. Para o recoñecemento de créditos por actividades contempladas nos dous últimos apartados utilizaranse, respectivamente, os impresos IP601.03 Solicitude recoñecemento actividades externasIP601.04 Solicitude recoñecemento actividade laboral e profesional.

O alumnado deberá acompañar a súa solicitude dunha certificación oficial de estudos e das guías docentes (ou programas) das materias obxecto de recoñecemento debidamente dilixenciados e compulsados. Para o caso das actividades contempladas no punto 4, deberá achegar unha ceritificación oficial da entidade en que se prestou o servizo, na que se indicará a natureza e duración do mesmo; no caso da experiencia laboral e profesional, deberá achegar a correspondente certificación na que se indicará a natureza e duración da actividade profesional realizada.

A dirección, consultados, de ser o caso, os departamentos e/ou a Comisión de Coordinación Pedagóxica, emitirá un informe que elevará á Dirección Xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, mediante os impresos IP601.05 Informe recoñecemento créditos dirección e IP601.06 Informe recoñecemento actividades, que resolverá mediante o procedemento que corresponda e nos prazos que determine.

O procedemento de recoñecemento de créditos, no que atinxe ás funcións da ESADg, deberá estar finalizado cinco días despois do peche do prazo oficial de matrícula, ordinaria ou extraordinaria, en que se enviará a proposta razoada a Dirección Xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores.

Prácticas externas

No curso escolar 2018-19 a ESADg poñerá en marcha o procedemento PC701.05 Prácticas externas, elaborado ao abeiro do disposto nos artigos 38, 39, 40, 41 e 42 da Orde do 21 de novembro de 2016. No inicio do curso escolar convocaranse as reunións oportunas para informar ao alumnado do procedemento e das empresas dispoñibles, e igualmente do procedemento para que o propio alumnado poida incorporar empresas ao censo de entidades colaboradoras.

O alumnado poderá realizar ata un total de 9 créditos ECTS de prácticas externas, o que implica un total de 270 horas de dedicación global, que poderán ser recoñecidos por materias optativas.

Traballo Fin de Estudos (TFE)

O Traballo Fin de Estudos (TFE) é o último chanzo no proceso de formación e implica a presentación dun traballo no que o alumnado mostre que posúe as competencias asociadas ao Título Superior en Arte Dramática na especialidade correspondente, pero tamén as competencias propias de creadores, investigadores e especialistas en docencia teatral. En consecuencia o alumnado pode presentar tres tipoloxías de traballo: creación, investigación ou educación. A súa organización aparece recollida no procedemento PC701.04 Traballo de fin de estudos do Manual de Calidade.

  • Especialidade de Dirección escénica e dramaturxia: Elaboración, e posterior presentación e defensa, diante dun tribunal, dun traballo práctico de carácter escénico, coa correspondente memoria, que permita unha demostración empírica de ter adquirido as competencias transversais, xerais e específicas da titulación e do itinerario.
  • Especialidade de Escenografía: Elaboración, e posterior presentación e defensa, diante dun tribunal, dun traballo escenográfico, coa correspondente memoria, que permita unha demostración empírica de ter adquirido as competencias transversais, xerais e específicas da titulación e do itinerario.
  • Especialidade de Interpretación: Elaboración, e posterior presentación e defensa, diante dun tribunal, dun traballo práctico de carácter escénico, coa correspondente memoria, que permita unha demostración empírica de ter adquirido as competencias transversais, xerais e específicas da titulación e do itinerario.

Traballos de investigación ou cunha orientación pedagóxica, que se concretarán nunha memoria cunha extensión de 100 folios, e que será presentada e defendida diante dun Tribunal.

O TFE conta cunha Guía Docente, dispoñible na páxina web da escola, na que constan os criterios de avaliación: presentación do traballo práctico diante do Tribunal en sesión pública, memoria do TFE, e defensa do traballo diante do Tribunal en sesión pública. Igualmente conta cunha Guía para a elaboración dun TFE cunha orientación investigadora ou pedagóxica na que se precisarán as posibilidades e vías para a realización da memoria e para a súa presentación e defensa.

Para a presentación do TFE o alumnado deberá ter superadas todas as materias dos catro cursos. Non obstante a Xefatura de Estudos poderá autorizar a matricula do TFE a alumnado con disciplinas pendentes, sempre que a suma dos créditos asociados non sexa superior a 15.

O alumnado disporá de dúas convocatorias para a presentación e defensa do seu TFE, que se corresponderán coa convocatoria ordinaria e extraordinaria. O alumnado que non poida presentar o TFE nesas dúas convocatorias poderá solicitar o uso das dúas convocatorias no primeiro cuadrimestre do seguinte curso académico.
A avaliación do TFE corresponderá a un Tribunal designado pola dirección da escola a partir da proposta da Xefatura de estudos, que atendera para a súa formulación as propostas do Departamento que corresponda ou da persoa que exerza a tutela do traballo, en función das especificidades do mesmo. O Tribunal estará integrado por un/ha presidente/a, un/ha secretario/a, e un/ha vogal, e preferentemente os seus integrantes serán da especialidade correspondente ao Traballo que se presente. As persoas que exerzan a tutela do TFE non formarán parte do Tribunal, agás no caso excepcional de falta de profesorado.

O desenvolvemento das fases do TFE realízase en función dos subprocesos que se consideran.

  • Convocatoria. No mes de setembro.
  • Inscrición. Nos prazos que se establezan segundo o calendario do centro, mediante o modelo IP701.07
  • Realización. Unha vez asignados os titores/as a cada traballo, o alumnado procede ao seu desenvolvemento e realización. O/a titor/a é o responsable do seguimento do traballo, no que o profesor e o alumno manterán xuntanzas periódicas para analizar o desenvolvemento do mesmo. O alumnado debe considerar os documentos de apoio IP701.13 Guía elaboración TFE investigación educación, IP701.14 Normas presentación traballos e TFE e IP701.15 Formato redacción TFEs.
  • Presentación / Defensa. No mes de xuño e/ou xullo. A presentación e defensa do TFE terá lugar ao longo de dous días, dos que o primeiro se dedicará á presentación pública do traballo. No segundo día terá lugar a defensa pública do traballo diante do Tribunal. Nese día o/a alumno/a, fará a presentación e defensa da Memoria do TFE.
  • Avaliación. Unha vez realizada a defensa do TFE, o Tribunal emite un acta única elaborada a partir das actas individuais de cada un dos integrantes do tribunal. Coñecida a nota hai un período de revisión e reclamacións.

Plan de Acción Titorial

Para realizar o acompañamento do alumnado ao longo do seu percorrido formativo, e como canle de comunicación permanente que permita atender as problemáticas que puideran xurdir pero tamén para ofrecer canta información fose necesaria ou mediar ante determinados conflitos, cada grupo conta cunha persoa que exerce as funcións de titoría, mantendo co alumnado e co equipo docente do grupo as reunións necesarias para garantir un desenvolvemento óptimo dos procesos de ensinanza, aprendizaxe e creación. A ESADg conta cun Plan de Acción Titorial no que se recollen as liñas fundamentais de actuación.

Igualmente cada profesor conta cun número suficiente de titorías docentes para o acompañamento individualizado do alumnado no relativo aos procesos de ensinanza, aprendizaxe e creación. Estas titorías docentes decorren en horario de tarde, tendo o profesorado asignado un horario específico para o seu desenvolvemento.

Plan de Orientación Profesional

Para promover os procesos de transición á vida activa e de inserción laboral, a ESADg conta cun Departamento de Mobilidade e Transición, responsable da elaboración e desenvolvemento do Plan de Orientación Profesional, segundo o establecido no correspondente procedemento. Nos próximos anos tentarase desenvolver plenamente o Plan, a través de actividades realizadas en colaboración coas empresas do sector e cos grupos de interese.

Uso de instalacións

As instalacións do centro están a disposición do alumnado para a realización de traballos vinculados cos procesos de ensinanza, aprendizaxe e creación. Igualmente, sempre que o uso das mesmas o permita, tamén se facilita o uso de instalacións a antigas alumnas e alumnos que precisen de espazos para realizar actividades vinculadas coa súa actividade profesional. Para un correcto uso dos recursos dispoñibles, existe o correspondente procedemento, e un conxunto de impresos para a solicitude dos mesmos. De igual maneira se inclúen neste apartado as normas de uso da Biblioteca do centro.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando, está a dar o seu consentimento para a súa aceptación. Consulte nosa política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies