Probas de acceso

Probas de acceso 2018/19

Xa foi publicada a Resolución da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que regula as probas de acceso á Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Inscrición: ata o 18 de xuño 2018.
Inicio das probas: 26 de xuño 2018.

Vacantes dispoñibles:
Especialidade de Dirección escénica e dramaturxia: 12 prazas.
Especialidade de Escenografía: 12 prazas.
Especialidade de Interpretación: 24 prazas.

Calquera consulta será atendida no 986 246 399 ou en esad.galicia@edu.xunta.es

Listaxe provisional Probas de Acceso 2018-19.PDF
Resolución DOG Acceso e Admisión.PDF
Probas de Acceso. Aspectos básicos.PDF
Probas de acceso. Deseño, inscrición e realización.PDF
Probas de acceso. Reclamacións.PDF
Probas de acceso. Tribunais.PDF

Desenvolvemento das Probas de Acceso:

Proba específica de Dirección escénica e dramaturxia
26 de xuño 2018

(9:00-10:00) EXERCICIO 1. Comentario dun texto teórico sobre a dirección de escena e/ou a dramaturxia (20 % da cualificación final).

Valórase a comprensión do texto e a análise da idea principal e das secundarias, así como o desenvolvemento da opinión persoal do/a aspirante en relación con elas. De coñecerse o texto ou o autor/a, poderá ofrecerse unha visión xeral dos seus puntos de vista e da súa traxectoria no mundo teatral. Tamén se suxire situar e vincular a análise no marco das artes escénicas, establecendo relacións con outras visións, sexan estas similares ou contrapostas.

Texto: Introducción á dirección de escena, de Anne Bogart. Editorial Galaxia.


(10:00-11:00) EXERCICIO 2. Realización dunha proposta de escenificación (20 % da cualificación final).

A partir dun fragmento dunha obra dramática ou doutros materiais. Neste exercicio valórase a coherencia entre a visión particular que se escolle para o texto proposto e a resolución do proxecto escénico. Que interesa do texto? Que se quere contar e como se vai facer? Que se quere provocar no espectador? Como será o desenvolvemento da peza? É importante articular unha proposta onde cada elemento da linguaxe escénica (interpretación, espazo escénico, vestiario, espazo sonoro…) se vexa reflectido, xustificando as eleccións e poñéndoas en relación unhas con outras.

Texto: Mozas de primeira, de Caryl Churchill. Editorial Galaxia.


(11:00-11:30) DESCANSO


(11:30-13:30) EXERCICIO 3. Escrita dun texto dramático (20 % da cualificación final).

Neste exercicio danse uns parámetros a partir dos que desenvolver a escrita dunha escena ou peza breve. Pode ser a partir dunha determinada estrutura de acción na que se sinalan os actantes fundamentais (Suxeito / protagonista, opoñentes / antagonistas, axudantes, etc.); pode ser a partir duns personaxes nun espazo; pode ser a partir dunha réplica ou suceso que desencadea a acción. Valórase a adaptación da escrita dramática ás premisas que se sinalen no exercicio así como o seu grao de coherencia e sentido.


(13:30-15:00) EXERCICIO 4. Dirección de actores e actrices (20 % da cualificación final).

Neste exercicio darase a cada aspirante un pequeno diálogo para dous personaxes. O/a aspirante dirixirá ese texto durante un tempo non inferior a 5 minutos nin superior a 10. Disporá como actores/actrices de dúas persoas que indique o tribunal. Durante o exercicio, o/a aspirante indicará aos/ás actores/actrices a súa proposta de situación e daralles as claves iniciais pertinentes para que poidan realizar un primeiro pase. Despois deste, o/a aspirante deberá realizar, como mínimo, unha nova quenda de indicacións aos/ás intérpretes para mellorar a proposta. Valórase a capacidade comunicativa do/a aspirante, o tipo de indicacións que dá e a organización e optimización do tempo. Recoméndase concreción e concisión, dar só as indicacións precisas para poder empezar e ir traballando sobre o que se ve.


(A partir das 15:00) ENTREVISTA PERSOAL (20 % da cualificación final).

a) O/a aspirante lerá en voz alta os exercicios escritos 1, 2 e 3. Ao remate, o tribunal poderá facer preguntas sobre os mesmos.
b) O/a aspirante terá entre cinco e dez minutos para facer unha presentación del/a mesmo/a, onde ademais dos datos persoais inclúa os seguintes temas: motivación para querer entrar na escola, por cal das opcións ten maior interese (dirección escénica ou dramaturxia) no caso de telo claro, gustos teatrais e artísticos, dispoñibilidade de asistencia regular a clase… Logo da presentación, o tribunal efectuará as preguntas convenientes para completar a información que considere precisa sobre o/a aspirante.

Proba específica de Escenografía
26 de xuño 2018

Todo o material necesario para o desenvolvemento destas probas deberá traelo cada candidato/a.

(9:00-11:30) EXERCICIO 1. Debuxo do natural (40% da cualificación final).

Realización dun debuxo dun elemento ou conxunto de elementos seguindo a técnica da copia do natural. Valorarase a técnica utilizada, a adecuación do formato e proporcións, a perspectiva e o axuste ao modelo proposto. Técnica libre e formato mínimo 100 x 70 cm.


(11:30-12:00) DESCANSO


(12:00-14:00) EXERCICIO 2. Proposta dun deseño de escenografía (40% da cualificación final).

A partir dun fragmento dun texto dramático ou doutra proposta temática, que se dará o mesmo día da proba, os aspirantes deberán realizar unha proposta de deseño dun espazo escénico, no que os incluirán elementos e útiles escénicos que estimen necesarios. Valorarase a adecuación entre o estímulo proposto e a realización práctica, e o feito de que se complete o traballo no tempo dispoñible.


(A partir das 14:00) ENTREVISTA PERSOAL (20% da cualificación final).

Cunha duración non superior a vinte minutos, terá como finalidade coñecer as experiencias previas dos aspirantes no ámbito das artes plásticas e no campo escénico, así como os seus intereses e expectativas en relación cos estudos.

EXERCICIO 1. Movemento (30 % da cualificación final).

Realizaranse diversas propostas prácticas de traballo orientadas a analizar as aptitudes corporais, a creatividade no movemento e o nivel de interacción co grupo de cada unha das persoas aspirantes.


EXERCICIO 2. Voz (30 % da cualificación final).

Realizaranse diversas propostas prácticas de traballo orientadas a analizar a conciencia e o uso da respiración, a calidade vocal, e a comprensión e expresión lectora, o que pode implicar a memorización deste texto breve:

⇓ Texto para interpretación


EXERCICIO 3. Interpretación (30 % da cualificación final).

Realizaranse diversas propostas prácticas de traballo orientadas a analizar aptitudes e actitudes necesarias como concentración e capacidade de esforzo ou habilidades para interactuar cos demais e traballar en grupo. Algunha das actividades a realizar pode implicar a memorización dun texto breve.


ENTREVISTA PERSOAL (10 % da cualificación final).

Cunha duración non superior a vinte minutos, terá como finalidade analizar as destrezas expresivas das persoas aspirantes e a súa capacidade de resposta, así como a de ter información sobre as súas experiencias previas no campo escénico, os seus intereses e expectativas.

Probas de acceso: Información xeral

Para cursar estudos superiores de Arte Dramática as persoas aspirantes, ademais de cumprir os requisitos de acceso, deberán realizar e superar unha proba específica para cada especialidade: Dirección escénica e dramaturxia, Escenografía, e Interpretación. Esta proba ten como finalidade valorar a madureza, coñecementos, e aptitudes do futuro alumnado para cursar con aproveitamento as ensinanzas.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, é a responsable da convocatoria anual de probas de acceso, do nomeamento dos Tribunais responsables da organización, realización, avaliación e cualificación das mesmas, e do establecemento do calendario xeral de celebración das mesmas. En función do establecido na convocatoria oficial, e a partir do calendario específico establecido por cada tribunal de especialidade, a ESADg fai pública toda a información pertinente a través desta páxina web e nos taboleiros oficiais. As probas, na súa convocatoria ordinaria, adoitan celebrarse a finais do mes de xuño. De quedaren prazas vacantes celébrase unha convocatoria extraordinaria nos primeiros dez días do mes de setembro.

Inscrición nas Probas de acceso

O período de inscrición nas probas de acceso, na súa convocatoria ordinaria, adoita transcorrer de finais de maio a principios de xuño. A convocatoria das mesmas publícase no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Unha vez publicada no DOG, tamén se traslada á páxina web da escola, indicando a documentación que deben achegar as persoas aspirantes, así como os diferentes prazos: listaxe provisional de persoas admitidas, prazo de reclamacións ás listaxes provisionais, listaxes definitivas, e convocatoria das persoas aspirantes. Para a convocatoria extraordinaria de setembro, de ser o caso, a información pertinente faise pública nesta web a partir do 15 de xullo.

Procedemento de inscrición

Documentación que deberán achegar as persoas aspirantes:

  • Solicitude de inscrición nas Probas de acceso, dispoñible en Administración.
  • Ficha para a realización das Probas de acceso, dispoñible en Administración.
  • Fotocopia D.N.I.
  • Certificado oficial de estudos, Copia compulsada do título de Bacharelato, Certificación  da proba acceso universidade para maiores de 25 anos, ou certificación da proba para maiores de 18 anos.
  • Taxas (64,00 €). Impreso.

Para que as persoas fóra de Galicia podan realizar o pago deberán poñerse en contacto coa secretaría da escola a través do seguinte número: 986 246 399.

Admisión

A asignación de prazas realízase en función dos resultados da avaliación da proba, que se expresarán en termos numéricos nunha escala de 1 a 10, con dous decimais, e sempre en función das vacantes dispoñibles, considerando a proba superada para as cualificacións iguais ou superiores a 5. Unha vez finalizado todo o proceso, cumpridos os períodos de revisión e reclamacións, faise pública a acta coas cualificacións definitivas das probas e coa asignación de prazas, no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

A admisión para cursar os estudos dependerá do número de vacantes dispoñibles, que se adxudicarán en función da puntuación obtida, comezando coa maior puntuación e continuando en orde decrecente. O alumnado que supere as probas pero non obteña praza será incluído na quenda de agarda. De non cubrirse todas as prazas na convocatoria ordinaria, poderá realizarse unha convocatoria extraordinaria no mes de setembro.

Suxestións, queixas e reclamacións

A ESADg ten establecido un procedemento de Suxestións, Queixas e Reclamacións para atender calquera incidencia que puidera producirse ao longo do proceso. O procedemento a seguir aparece recollido na Guía do Alumnado.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando, está a dar o seu consentimento para a súa aceptación. Consulte nosa política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies