ALUMNADO

Probas de acceso

Inscrición

O período de inscrición nas probas de acceso, na súa convocatoria ordinaria, adoita transcorrer de maio a xuño.

A convocatoria das mesmas publícase no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Unha vez publicada no DOG, tamén se traslada á páxina web da escola, indicando a documentación que deben achegar as persoas aspirantes, así como os diferentes prazos: listaxe provisional de persoas admitidas, prazo de reclamacións ás listaxes provisionais, listaxes definitivas, e convocatoria das persoas aspirantes.

CALENDARIO DE INSCRICIÓN

Prazos de Inscripción 2024

  • Matriculación das probas:  próximamente
  • Presentación da documentación na ESAD: próximamente.

: Listaxe provisional de persoas inscritas
: Reclamacións
: Listaxe definitiva de persoas inscritas 
: Inicio das probas de acceso
: Listaxe provisional das cualificacións
: Reclamacións das cualificacións
: Listaxe definitiva das cualificacións
: Matrícula

EN BLANCO

 

Procedemento de inscrición

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

  • Copia de DNI, NIE ou pasaporte.
  • Xustificante do aboamento dos prezos públicos segundo o Decreto 89/2013, do 13 de xuño (DOG do 17 de xuño), segundo un destes modelos oficiais, xunto cos certificados de exención ou redución correspondente, se é o caso:
  • Modelo E (autocopiativo en papel facilitado na secretaría da Escola).
    • Modelo AI.
    • Modelos 730 e 731, xerados electronicamente no portal da internet da Axencia Tributaria de Galicia (https://ovt.atriga.gal).

CÓDIGOS PAGO TAXAS
Consellería: 07
Delegación: 41
Servizo: 03
Taxa: 352500
Concepto: Probas acceso ESAD de Galicia
Cantidade: 64 € (normal) | 32 € (familia numerosa categoría xeral)

O pagamento dos prezos públicos correspondentes ás probas de acceso non poderá ser fraccionado.

  • Documentación académica segundo proceda.
  • Documento acreditativo do grao de discapacidade e solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda, de ser o caso.
  • Documento acreditativo da condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento, de ser o caso.

Para que as persoas fóra de Galicia podan realizar a inscrición deberán poñerse en contacto coa secretaría da escola a través do seguinte número: 986 246 399.

Admisión

A asignación de prazas realízase en función dos resultados da avaliación da proba, que se expresarán en termos numéricos nunha escala de 1 a 10, con dous decimais, e sempre en función das vacantes dispoñibles, considerando a proba superada para as cualificacións iguais ou superiores a 5. Unha vez finalizado todo o proceso, cumpridos os períodos de revisión e reclamacións, faise pública a acta coas cualificacións definitivas das probas e coa asignación de prazas, no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

A admisión para cursar os estudos dependerá do número de vacantes dispoñibles, que se adxudicarán en función da puntuación obtida, comezando coa maior puntuación e continuando en orde decrecente. O alumnado que supere as probas pero non obteña praza será incluído na quenda de agarda. De non cubrirse todas as prazas na convocatoria ordinaria, poderá realizarse unha convocatoria extraordinaria no mes de setembro.

Tribunais

De acordo co establecido no artigo 7.3 da Orde do 21 de novembro de 2016, para a organización, a realización, a avaliación e a cualificación das probas específicas de acceso, constituirase un tribunal por especialidade. Tribunais encargados da redacción, realización e cualificación da proba específica de acceso aos estudos superiores de Arte Dramática.

Requisitos

De acordo co establecido no artigo 12.1 do Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, o acceso ás ensinanzas oficiais conducentes aos títulos de grao en ensinanzas artísticas superiores nos diferentes ámbitos requirirá:

  • Título de Bacharelato.
  • Certificación académica do bacharelato con indicación de materias pendentes. (poderá realizar a proba específica, pero deberá estar en posesión do título para optar á asignación de praza)
  • Certificación de ter superado a proba de acceso á Universidade para maiores de 25 anos.
  • Título de ensinanzas artísticas superiores.
  • Título universitario.
  • Título de técnico superior.
  • Certificado de superación da proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato correspondente a convocatorias anteriores.
  • Proba de madurez para persoas que teñan 18 anos cumpridos no ano de realización das probas.

Probas

EN BLANCO

 

Dirección escénica e dramaturxia

DATA PROBAS: 2024.
As probas de acceso  para a especialidade de Dirección escénica e dramaturxia desenvólvense durante dous días e presentan a estrutura que se indica a continuación.
PRESENTACIÓN
Recepción das aspirantes, condución aos espazos de realización das probas, información sobre os exercicios e comprobación da identidade das aspirantes (para a cal é obrigatoria a presentación do documento de identidade persoal).


EXERCICIO 1. Comentario dun texto teórico sobre a dirección escénica e/ou a dramaturxia (20% da nota final).
Nesta proba presentaranse dous fragmentos textuais de dúas obras diferentes. As aspirantes elixirán un deles e realizarán o comentario durante un tempo máximo de 60 minutos.

  • A dirección de actores, de Daniel Salgado.
  • Introdución á dirección de escena. Sete ensaios sobre a arte teatral, de Anne Bogart.

Valorarase a comprensión da idea principal e das secundarias do texto, así como a presentación de opinións persoais respecto aos argumentos expostos. Tamén se avaliará se a aspirante é quen de situar o discurso do/a autor/a do texto no marco das artes escénicas ou doutras artes afíns, establecendo relacións con prácticas, teorías ou experiencias persoais que a aspirante coñeza.


EXERCICIO 2. Realización dunha proposta de escenificación (20% da nota final).
Neste exercicio presentaranse dous fragmentos, un de cada un dos seguintes textos:

  • Winnie son eu, de María Armesto.
  • Supernormais, de Esther F. Carrodeguas.

Cada aspirante elixirá un dos fragmentos presentados e, a partir del, formulará a súa proposta, tendo en conta o marco xeral da peza dramática á que pertence.

Valorarase a coherencia entre a visión particular da aspirante sobre o texto proposto e a súa resolución do proxecto escénico. Así, é recomendable que o proxecto sitúe a escena no contexto da obra completa á que pertence, que aclare os núcleos de interese dese fragmento, que indique o enfoque escénico polo que se opta e que detalle as solucións artísticas escollidas. Neste sentido, é  importante articular unha proposta na que diversos elementos da linguaxe escénica (interpretación, espazo escénico, vestiario, iluminación, espazo sonoro…) se vexan reflectidos, xustificando tales eleccións e poñéndoas en relación unhas con outras.


EXERCICIO 3: Escrita dun texto dramático (20% da nota final).
Neste exercicio presentaranse, como nos casos anteriores, dúas opcións. En cada unha ofreceranse certos parámetros a partir dos cales se terá que desenvolver a escrita dunha escena ou peza breve. Eses parámetros poden ser de diversa natureza. Poden consistir nunha determinada estrutura de acción na que se indiquen os actantes fundamentais (suxeito/protagonista, opoñentes/antagonistas, axudantes, etc.). Poden delimitar certos personaxes nun espazo determinado. Poden consistir nunha réplica, suceso ou referencia que desencadee a acción dramática.

Sexan cales foren as pautas iniciais que se presenten neste exercicio, valorarase a adaptación da escrita dramática a esas premisas dadas, así como o grao de coherencia e sentido da proposta.


EXERCICIO 4: Dirección actoral dunha composición escénica breve (20% da nota final).
Cada aspirante dirixirá unha composición escénica a partir dun breve diálogo proposto polo tribunal. Para a realización desta proposta, cada aspirante contará coa colaboración doutras dúas persoas aspirantes, que actuarán como intérpretes. Recoméndase indicar, ao inicio do exercicio, as claves xerais da situación escénica e, máis tarde, a partir da observación do traballo actoral, propor novas indicacións que vaian mellorando os resultados obtidos.

O exercicio desenvolverase durante un mínimo de 5 minutos e un máximo de 10.


EXERCICIO 5: Entrevista persoal (20% da nota final).
Con antelación á realización das probas de acceso, a ESADg publicará o horario no cal cada aspirante deberá comparecer no centro para realizar este último exercicio.

Nesta proba, cada aspirante lerá en voz alta, diante do tribunal, os tres exercicios escritos. Ao remate desa lectura, o tribunal poderá facer preguntas sobre eses contidos.

Logo, cada aspirante fará, durante un máximo de 5 minutos, unha presentación de si mesma na que, ademais de datos persoais, indique que motivos a levan a querer entrar na escola, por cal das opcións ten maior interese (dirección escénica ou dramaturxia) no caso de telo claro, cales son as súas experiencias ou referencias artísticas, que dispoñibilidade terá para o seguimento dos estudos… Logo desta presentación, o tribunal poderá efectuar algunha pregunta que axude a completar ou precisar a información trasladada pola aspirante.

MATERIAIS PARA CONSULTA:

Escenografía

DATA PROBAS: 2024.

Todos os soportes e materiais necesarios para o desenvolvemento destas probas deberá ser aportado por cada aspirante

Recepción das aspirantes, condución ao espazo de realización das probas, información sobre os exercicios e comprobación da identidade das aspirantes. É necesario presentar o D.N.I. ou tarxeta de residencia persoal.

EXERCICIO 1. Composición libre a cor (40% da cualificación final).
A partir dunha premisa comunicada polo tribunal ao inicio da proba (unha imaxe, unha peza musical, un poema, etc.), as aspirantes deberán realizar unha composición plástica libre a cor. A elección do soporte será libre (bidimensional ou tridimensional, papel, cartón, madeira, etc.) pero o tamaño mínimo será o formato A3. A técnica a empregar tamén será libre (acuarela, gouache, acrílico, lapis de cores, pasteis, collage, frottage, grattage, rotuladores, etc.).

DESCANSO

EXERCICIO 2. Deseño de escenografía (40% da cualificación final).
A partir dun fragmento dun texto dramático facilitado polo tribunal ao inicio da proba, as aspirantes deberán realizar unha proposta de deseño do espazo escénico e das personaxes. A elección do soporte será libre (bidimensional ou tridimensional) pero o tamaño mínimo será o formato A3. A técnica a empregar tamén será libre (construción, ensamblaxe, collage, pintura, etc.).

ENTREVISTA PERSOAL (20% da cualificación final).
Cunha duración non superior a vinte minutos, terá como finalidade coñecer as experiencias previas dos aspirantes no ámbito das artes plásticas e no campo escénico, así como os seus intereses e expectativas en relación cos estudos. Valorarase a achega por parte das aspirantes dun cartafol con traballos plásticos e/ou experiencias relacionadas co feito teatral ou artístico que considere oportunos aportar ao tribunal.

Interpretación

DATAS PROBAS: 2024
As probas de acceso  para a especialidade de Interpretación desenvólvense durante dous días e presentan a estrutura que se indica a continuación.

EXERCICIO 1. Corpo (30 % da cualificación final).

Realizaranse diversas propostas prácticas de traballo orientadas a analizar as aptitudes corporais, a creatividade no movemento e o nivel de interacción co grupo de cada unha das persoas aspirantes.


EXERCICIO 2. Voz (30 % da cualificación final).

Realizaranse diversas propostas prácticas de traballo orientadas a analizar a conciencia e o uso da respiración, a calidade vocal, e a comprensión e expresión lectora, escoller e memorizar un dos textos propostos. Canto: afinación, emisión, concentración, oído interno e memoria; é opcional traer unha canción preparada.

  • Textos en galego
  • Textos en castellano

EXERCICIO 3. Interpretación (30 % da cualificación final).

O tribunal proporá diversos traballos de improvisación, onde se observará a capacidade de escoita, a integración dos estímulos corporais e vocais de cara a interpretación e o emprego do espazo, do tempo e do ritmo dramáticos.


ENTREVISTA PERSOAL (10 % da cualificación final).

Terá como finalidade analizar as destrezas expresivas das persoas aspirantes e a súa capacidade de resposta, así como a de ter información sobre as súas experiencias previas no campo escénico, os seus intereses e expectativas.