fbpx

Probas de acceso

Probas de Acceso 2020/21

Convocatoria de setembro

Ao abeiro do establecido na instrución decimo segunda (4) da RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso e admisión do alumnado nas ensinanzas superiores de Arte Dramática para o curso 2020/21, e logo de que a comisión de admisión fixese pública a listaxe de persoas aspirantes que obtiveron praza, COMUNÍCASE a existencia de vacantes nas especialidades de Dirección escénica e dramaturxia (2) e Escenografía (3). Ambas as dúas realizaranse de forma TELEMÁTICA. En consecuencia, cómpre convocar probas de acceso extraordinarias do mes de setembro, sendo de aplicación as instrucións xerais contidas na antedita Resolución do 4 de xullo.

Calendario
Prazo de inscrición: do 27 de xullo ao 2 de setembro (14:00 h).
Listaxe provisional de admitidos: 2 de setembro.
Reclamación listaxe provisional de admitidos: 3 de setembro.
Listaxe definitiva admitidos: 4 de setembro.
Realización das probas: 7 de setembro.
Comunicación resultados: 8 de setembro.
Reclamación resultados: 9 e 10 de setembro.
Resultados definitivos: 11 de setembro.
Matrícula: 14 de setembro.

Presentación
Con carácter xeral, as solicitudes deberán realizarse de maneira telemática cubrindo o formulario dispoñible en www.edu.xunta.es/eas, e empregando o certificado dixital ou sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Non obstante, tamén se poderá formalizar a inscrición directamente na Secretaría. As persoas aspirantes que só dispoñan de pasaporte deberán realizar a inscrición na Secretaría. Para completar o proceso de inscrición, deberase enviar unha copia da solicitude xunto coa documentación requerida a esad.galicia@edu.xunta.es ou por correo postal.

Horario do centro
Xullo: De 9 a 13.30 h.
Agosto: De 9 a 11:30 h.

RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2020

a) Copia do DNI, NIE ou pasaporte.

b) Xustificante do aboamento dos prezos públicos (64 €) segundo o Decreto 89/2013, do 13 de xuño (DOG do 17 de xuño), consonte un destes modelos oficiais, xunto cos certificados de exención ou redución correspondente, se é o caso. O pagamento dos prezos públicos correspondentes ás probas de acceso non poderá ser fraccionado.
– Modelo E (autocopiativo en papel facilitado na Secretaría da escola).
– Modelo A I, xerado electronicamente e impreso desde a ligazón: http://www.atriga.gal/es/tributos-da-comunidade-autonoma/taxas-e-prezos/confeccion-on-line-impresos
– Modelos 730 e 731, xerados electronicamente no portal da internet da Axencia Tributaria de Galicia: https://ovt.atriga.gal.

CÓDIGOS PAGO TAXAS
Consellería: 07
Delegación: 41
Servizo: 03
Taxa: 352500
Concepto: Probas acceso ESAD de Galicia
Cantidade: 64 € (normal) | 32 € (familia numerosa categoría xeral)

c) Documentación académica segundo proceda:

– Título de bacharelato ou titulación equivalente.
– Certificación académica do bacharelato con indicación de materias pendentes.
– Certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
– Título universitario que cumpra as condicións establecidas no punto 4 da instrución primeira desta resolución.
– Certificado de superación da proba substitutiva do requisito de titulación correspondente a convocatorias anteriores.

d) Pendente de realizar a proba que substitúe o requisito de titulación. Esta circunstancia farase constar na solicitude, a súa admisión quedará condicionada á superación do requisito correspondente.

e) Documento acreditativo do grao de discapacidade e solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda, de ser o caso.

f) Documento acreditativo da condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento, de ser o caso.

Proba para os/as aspirantes que non cumpran o requisito de titulación de bacharelato para acceder ás ensinanzas artísticas superiores:

1. A proba para os/as aspirantes que non cumpran o requisito de titulación terá lugar o día 6 de xullo no IES As Fontiñas, de Santiago de Compostela, segundo o establecido no anexo I desta resolución e de acordo co artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016.

2. A esta proba poderán presentarse os/as aspirantes que non estean en posesión do título de bacharelato ou equivalente, non teñan superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos e fagan os 18 anos en 2020.

3. As persoas inscritas deberán ter feito constar o seu desexo de realizar esta proba na epígrafe correspondente da inscrición e para a súa realización deberán presentar o día da proba o seu documento oficial de identidade e a copia da folla de solicitude de inscrición.

4. As probas realizarase en Santiago de Compostela no IES As Fontiñas, rúa de Estocolmo, 5; o día 6 de xullo, de acordo co seguinte horario:
– Ás 9.00 horas: presentación.
– Das 9.30 ás 10.30 horas: Lingua Estranxeira (Inglés ou Francés).
– Das 10.30 ás 11.30 horas: Lingua Castelá e Literatura.
– Das 12.00 ás 13.00 horas: Lingua Galega e Literatura.
– Das 13.00 ás 14.00 horas: Filosofía.
– Das 16.00 ás 17.00 horas: Historia de España.

5. Unha vez concluída a proba, o tribunal publicará a listaxe provisional de persoas que superaron e as que non superaron a proba, o día 7 de xullo, no taboleiro de anuncios de cada centro e a través do portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (http://www.edu.xunta.gal). Poderanse presentar reclamacións contra as cualificacións provisionais os días 8 e 9 de xullo, ante o/a presidente/a do tribunal avaliador, no centro onde se realizase a inscrición. Neste mesmo período, os centros remitiranlle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través do correo electrónico xsere@edu.xunta.gal, as reclamacións presentadas para proceder á súa revisión. As cualificacións definitivas publicaranse o día 10 de xullo, no taboleiro de anuncios de cada centro e a través do portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (http://www.edu.xunta.gal).

Convocatoria de xuño

Prazas
O número de prazas de novo ingreso para cada curso escolar é de 12 para Dirección escénica e dramaturxia12 para Escenografía, e 24 para Interpretación.

Matrícula
Os/as aspirantes que obteñan praza deberán formalizar a súa matrícula entre os días 24 e 29 de xullo de 2020, ambos os dous incluídos: ⇒ esadgalicia.com/futuro-alumnado/matricula

LISTAXE DEFINITIVA DE ALUMNADO ADMITIDO | CURSO 2020/21
RELACIÓN DEFINITIVA DE PERSOAS INSCRITAS

PROBAS PRESENCIAIS | Especialidade de Interpretación

Debido á situación sanitaria creada pola COVID-19, a ESAD de Galicia vai establecer un PROCEDEMENTO COAS MÁXIMAS GARANTÍAS DE SEGURIDADE para o desenvolvemento das probas de acceso presenciais na especialidade de Interpretación, respectando todas as MEDIDAS DE PREVENCIÓN E HIXIENE recollidas na Resolución, de 22 de maio de 2020, da Consellería de Educación, Universidad e Formación Profesional pola que se reinicia a actividade lectiva presencial.

Do 13 ao 17 de xullo, con quendas de catro en catro persoas. Hai un primeiro horario de convocatoria e un segundo horario de comezo das probas. No horario de convocatoria no vestíbulo da ESADg se lle solicitará aos aspirantes o carnet de identidade e serán conducidos a unha aula de agarda. No horario das probas os aspirantes serán convocados ao escenario do teatro para a realización das probas. Prégase puntualidade para o ben do desenvolvemento das probas e para respectar o protocolo de saúde e hixiene. O venres 10 de xullo ás 12:00 h tense previsto facer unha vídeo conferencia vía WEBEX cos aspirantes para explicar o protocolo de acceso á escola e o protocolo de desenvolvemento das probas de acceso.

Quendas para as probas de Interpretación
Protocolo Interpretación

Acceso con cita previa

Usa mascarilla

Espazos hixienizados

Mantén distancia de seguridade

Instalacións sinalizadas

Limpa as mans

PROBAS TELEMÁTICAS | Especialidades de Dirección escénica e dramaturxia, e Escenografía

As probas de acceso nas especialidade de Dirección escénica e dramaturxia, e de Escenografía vanse realizar de forma telemática, mediante o servizo de videoconferencia Cisco Webex Meetings, indicado pola Xunta de Galicia. O/A candidato/a dará na gravación o seu consentimento verbal para poder gardar rexistro da proba na plataforma (pasado o tempo de reclamacións das probas procederase a eliminar a gravación).

Dirección escénica e dramaturxia
O venres 10 de xullo as 10:00 h tense previsto facer unha vídeo conferencia vía WEBEX cos aspirantes para explicar o protocolo de acceso á escola e o protocolo de desenvolvemento das probas de acceso.

Escenografía
Día 13 de xullo, ás 9:00 h. Dez minutos antes do horario das probas os/as aspirantes serán convocados por unha ligazón, vía correo electrónico, de Webex. Prégase puntualidade para o ben do desenvolvemento das probas. O venres 10 de xullo as 11:00 h tense previsto facer unha vídeo conferencia vía WEBEX cos aspirantes para explicar o protocolo de acceso á escola e o protocolo de desenvolvemento das probas de acceso.

Conexión a Internet

Quendas para as probas de Dirección escénica e dramaturxia
Protocolo Dirección escénica e dramaturxia
Protocolo Escenografía

Ordenador ou tableta

Correo electrónico

13-14 XULLO 2020 | NON PRESENCIAL

09:00 | PRESENTACIÓN


09:30-10:30 | EXERCICIO 1. Comentario dun texto teórico sobre a dirección de escena e/ou a dramaturxia (25% da cualificación final).

(Elixir un dos dous fragmentos presentados ao comezo da proba). Valorarase a comprensión do texto e a análise da idea principal e das secundarias, así como o desenvolvemento da opinión persoal do/a aspirante en relación con elas. De se coñecer o texto ou o/a autor/a, poderase ofrecer unha visión xeral dos seus puntos de vista e da súa traxectoria no mundo teatral. Tamén se suxire situar e vincular a análise no marco das artes escénicas, establecendo relacións con outras visións, sexan estas similares ou contrapostas.

Tempo: 60 minutos.


10:45-12:00 | EXERCICIO 2. Realización dunha proposta de escenificación (25% da cualificación final).

Na proba presentaranse dous fragmentos, un de cada un dos seguintes textos:

1As cancións que lles cantaban aos cativos, de Raúl Dans.↡DESCARGAR
2. Os cans non comprenden a Kandinsky, de Avelina Pérez.↡DESCARGAR

Cada aspirante elixirá un dos fragmentos presentados para formular a súa proposta de escenificación. Valorarase a coherencia entre a visión particular que se escolle para o texto proposto e a resolución do proxecto escénico. Que interesa do texto? Que se quere contar e como se vai facer? Que se quere provocar no público? Como será o desenvolvemento da escena no contexto dunha representación da obra completa? É importante articular unha proposta onde cada elemento da linguaxe escénica (interpretación, espazo escénico, vestiario, iluminación, espazo sonoro…) se vexa reflectido, xustificando as eleccións e poñéndoas en relación unhas con outras.

Tempo: 75 minutos.


12:15-13:15 | EXERCICIO 3: Escrita dun texto dramático (25% da cualificación final).

Neste exercicio presentaranse uns parámetros a partir dos cales desenvolver a escrita dunha escena ou peza breve. Eses parámetros poden consistir nunha determinada estrutura de acción na que se indican os actantes fundamentais (suxeito/protagonista, opoñentes/antagonistas, axudantes, etc.); poden delimitar certos personaxes nun espazo determinado; poden consistir nunha réplica ou suceso que desencadea a acción. Valorarase a adaptación da escrita dramática ás premisas que se sinalen no exercicio, así como o seu grao de coherencia e sentido.

Tempo: 60 minutos.


15:00-20:00 | LECTURA DOS EXERCICIOS E ENTREVISTA PERSOAL (25 % da cualificación final).

a) Cada aspirante lerá en voz alta os exercicios escritos 1, 2 e 3. Ao remate, o tribunal poderá facer preguntas sobre os mesmos.
b) Cada aspirante fará, durante un máximo de 5 minutos, unha presentación de si mesmo/a na que, ademais de datos persoais, indique que motivos lle levan a querer entrar na escola, por cal das opcións ten maior interese (dirección escénica ou dramaturxia) no caso de telo claro, gustos teatrais e artísticos, dispoñibilidade para a asistencia regular a clase… Logo da presentación, o tribunal efectuará as preguntas convenientes para completar a información que considere precisa sobre o/a aspirante.

13 XULLO 2020 | NON PRESENCIAL

Todo o material necesario para o desenvolvemento destas probas deberá aportalo cada candidato/a. 

09:00-11:00 | EXERCICIO 1. (A elixir entre dúas opcións).

Opción A. Entrega dun dossier (60% da cualificación final).
O/A aspirante poderá incluir no dossier os seus traballos artísticos relacionados coa escenografía ou outros ámbitos, un pequeno book de fotos de traballos que considere oportuno mostrar, unha breve explicación de porqué elixe estudar escenografía e mesmo unha carta de motivación.

Opción B. Proposta dun deseño de escenografía (60% da cualificación final).
A partires dun fragmento dun texto dramático ou doutra proposta temática, que se dará o mesmo día da proba, os aspirantes deberán realizar unha proposta de deseño dun espazo escénico, no que os incluirán elementos e útiles escénicos que estimen necesarios. Valorarase a adecuación entre o estímulo proposto e a realización práctica, e o feito de que se complete o traballo no tempo dispoñible.


11:00-12:00 | DESCANSO


12:00 | ENTREVISTA PERSOAL (40% da cualificación final).

Cunha duración non superior a vinte minutos, terá como finalidade coñecer as experiencias previas dos aspirantes no ámbito das artes plásticas e no campo escénico, así como os seus intereses e expectativas en relación cos estudos.

13-17 XULLO 2020 | PRESENCIAL
Quendas de 4 persoas
(con control de acceso e mantendo sempre unha distancia mínima de 2 m)
Tempo da proba: 60 min | Tempo de limpeza: 15 min

EXERCICIO 1. Movemento (30 % da cualificación final).

Realizaranse diversas propostas prácticas de traballo orientadas a analizar as aptitudes corporais, a creatividade no movemento e o nivel de interacción co grupo de cada unha das persoas aspirantes.


EXERCICIO 2. Voz (30 % da cualificación final).

Realizaranse diversas propostas prácticas de traballo orientadas a analizar a conciencia e o uso da respiración, a calidade vocal, e a comprensión e expresión lectora.


EXERCICIO 3. Interpretación (30 % da cualificación final).

3.1. Traballo de improvisación por parellas (en todo momento manterase unha distancia de seguridade de 2 m) onde se observará a capacidade de escoita activa, a integración dos estímulos corporais e vocais de cara a interpretación e o emprego do espazo, do tempo e do ritmo dramáticos.

3.2. Traballos e exercicios sobre un texto previamente memorizado. Non é necesaria a súa preparación interpretativa.
Texto

3.3. Habilidades persoais: Os/as aspirantes terán que amosar algunha destreza escénica: execución dunha canción, interpretación dun instrumento musical, proposta de danza, partitura de movementos…


ENTREVISTA PERSOAL (10 % da cualificación final).

Terá como finalidade analizar as destrezas expresivas das persoas aspirantes e a súa capacidade de resposta, así como a de ter información sobre as súas experiencias previas no campo escénico, os seus intereses e expectativas.

Probas de acceso: Información xeral

Para cursar estudos superiores de Arte Dramática as persoas aspirantes, ademais de cumprir os requisitos de acceso, deberán realizar e superar unha proba específica para cada especialidade: Dirección escénica e dramaturxia, Escenografía, e Interpretación. Esta proba ten como finalidade valorar a madureza, coñecementos, e aptitudes do futuro alumnado para cursar con aproveitamento as ensinanzas.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, é a responsable da convocatoria anual de probas de acceso, do nomeamento dos Tribunais responsables da organización, realización, avaliación e cualificación das mesmas, e do establecemento do calendario xeral de celebración das mesmas. En función do establecido na convocatoria oficial, e a partir do calendario específico establecido por cada tribunal de especialidade, a ESADg fai pública toda a información pertinente a través desta páxina web e nos taboleiros oficiais. As probas, na súa convocatoria ordinaria, adoitan celebrarse a finais do mes de xuño. De quedaren prazas vacantes celébrase unha convocatoria extraordinaria nos primeiros dez días do mes de setembro.

Inscrición

O período de inscrición nas probas de acceso, na súa convocatoria ordinaria, adoita transcorrer de finais de maio a principios de xuño. A convocatoria das mesmas publícase no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Unha vez publicada no DOG, tamén se traslada á páxina web da escola, indicando a documentación que deben achegar as persoas aspirantes, así como os diferentes prazos: listaxe provisional de persoas admitidas, prazo de reclamacións ás listaxes provisionais, listaxes definitivas, e convocatoria das persoas aspirantes. Para a convocatoria extraordinaria de setembro, de ser o caso, a información pertinente faise pública nesta web a partir do 15 de xullo.

Procedemento de inscrición

Documentación que deberán achegar as persoas aspirantes:

  • Solicitude de inscrición nas Probas de acceso, dispoñible en Administración.
  • Ficha para a realización das Probas de acceso, dispoñible en Administración.
  • Fotocopia D.N.I.
  • Certificado oficial de estudos, Copia compulsada do título de Bacharelato, Certificación  da proba acceso universidade para maiores de 25 anos, ou certificación da proba para maiores de 18 anos.
  • Taxas (64,00 €). Impreso.

Para que as persoas fóra de Galicia podan realizar o pago deberán poñerse en contacto coa secretaría da escola a través do seguinte número: 986 246 399.

Admisión

A asignación de prazas realízase en función dos resultados da avaliación da proba, que se expresarán en termos numéricos nunha escala de 1 a 10, con dous decimais, e sempre en función das vacantes dispoñibles, considerando a proba superada para as cualificacións iguais ou superiores a 5. Unha vez finalizado todo o proceso, cumpridos os períodos de revisión e reclamacións, faise pública a acta coas cualificacións definitivas das probas e coa asignación de prazas, no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

A admisión para cursar os estudos dependerá do número de vacantes dispoñibles, que se adxudicarán en función da puntuación obtida, comezando coa maior puntuación e continuando en orde decrecente. O alumnado que supere as probas pero non obteña praza será incluído na quenda de agarda. De non cubrirse todas as prazas na convocatoria ordinaria, poderá realizarse unha convocatoria extraordinaria no mes de setembro.

Tribunais

De acordo co establecido no artigo 7.3 da Orde do 21 de novembro de 2016, para a organización, a realización, a avaliación e a cualificación das probas específicas de acceso, constituirase un tribunal por especialidade. Tribunais encargados da redacción, realización e cualificación da proba específica de acceso aos estudos superiores de Arte Dramática.

Suxestións, queixas e reclamacións

A ESADg ten establecido un procedemento de Suxestións, Queixas e Reclamacións para atender calquera incidencia que puidera producirse ao longo do proceso. O procedemento a seguir aparece recollido na Guía do Alumnado.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando, está a dar o seu consentimento para a súa aceptación. Consulte nosa política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies