ACSUG: Informe de seguimento



Calendario 2016/2017 + Horario Grupos + Exames


Horario da Biblioteca


Instalacións, aulas e recursos


Plan de autoprotección




ENSINANZAS | Traballo Fin de Estudos (TFE)
  • CURSO 2016/2017

    O período de inscrición dos proxectos de TFE irá do 3 ao 18 de novembro de 2016.

    Como indica a Circular 10/2013 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, estes Traballos Finais consistirán, “tendo en conta o perfil profesional de cada unha” das especialidades, na “elaboración e posterior presentación e defensa, diante dun tribunal, dun traballo de carácter escénico, coa correspondente memoria, que permita unha demostración empírica de ter adquirido as competencias transversais, xerais e específicas da titulación e do itinerario” correspondente. Así pois, a realización do TFE implicará:

    1) Preparación e presentación pública dunha proposta escénica
    2) Escrita dunha memoria
    3) Defensa destes traballos diante dun tribunal

    Se os Obradoiros Integrados poden entenderse como proxectos de encarga, os TFE deberán desenvolver proxectos escénicos de natureza libre. O alumnado, polo tanto, terá autonomía para escoller o equipo artístico no que se integrará. Agora ben, favorecerase o acceso aos recursos da escola (espazos de ensaio, dotación económica, recursos técnicos...) a aqueles TFE que integren alumnado de máis especialidades ou que conten cun número maior de integrantes, sen prexuízo de que haxa TFE individuais se o equipo docente os aproba

    Fases de desenvolvemento dos TFE:

    1ª FASE

    Conformación dos equipos de cada TFE, así como as ideas xerais que rexerán cada proxecto. Esta fase terá lugar no primeiro cuadrimestre, seguindo este calendario:

    • O equipo docente dos TFE reunirase ao longo do 1º cuadrimestre coa Xefatura de estudos para elaborar os mecanismos e pautas que terán que seguirse para a confección dos equipos, así como as normas que deberán respectar os traballos.
    • Na reunión da Comisión de Coordinación Pedagóxica valorarase o documento anterior e procederase á súa revisión e aprobación.
    • Logo da publicación do documento anterior, o alumnado será convocado a unha breve xuntanza explicativa do procedemento dos TFE.
    • O período de inscrición dos proxectos de TFE irá do 3 ao 18 de novembro de 2016. O alumnado deberá presentar o proxecto mediante o formulario indicado.
    • Os proxectos presentados serán analizados polo equipo docente dos TFE. A aprobación ou non aprobación dos mesmos deberá ser validada tamén polos departamentos didácticos e pola CCP.
    • A xefatura de estudos, oído o equipo docente dos TFE, asignará titores a cada proxecto aprobado e datas de presentación e defensa durante o 1º cuadrimestre.
    • O alumnado con proxectos non aprobados deberá reformular a súa proposta ou realizar outra nova. O período de presentación das correccións será de 10 días hábiles dende a publicación da resolución.
    • Pasado o período de correccións, valorarase a idoneidade das mesmas e adxudicaranse os recursos dos que dispoña a Escola á totalidade dos TFE aprobados (tanto a aqueles aprobados na primeira quenda como na segunda).
    • Os recursos dos que dispoña a Escola serán adxudicadas en función do número de alumnos participantes en cada proposta e da especialidade á que pertenza cada un.
    • Ao longo do 1º cuadrimestre procederase tamén á publicación da resolución de adxudicación de recursos e da resolución de análise das correccións.
    • O TFE pode ser dado de baixa a través do procedemento habitual de anulación de matrícula.

    2ª FASE
    Fase de docencia, titorización e avaliación. 2º cuadrimestre
    • O período de presentación e defensa dos TFE será do 6 ao 23 de xuño en período ordinario e do 4 ao 15 de xullo en avaliación extraordinaria.
    • A Xefatura de estudos publicará a composición dos tribunais avaliadores e as datas de presentación (1 día exhibición e ao seguinte día hábil, defensa).
    • Para a avaliación do TFE o alumnado deberá ter aprobadas todas as materias.
    • Con, polo menos, 10 días de antelación á data de presentación establecida, enviará o alumnado a súa memoria por correo electrónico aos 5 membros do seu tribunal e 2 copias impresas para o centro, que se entregarán e selarán na Secretaría da ESAD.
    • A comunicación da nota do TFE será comunicada individualmente a cada alumno/a a través do sistema de xestión académica CodexPro a partir do día seguinte da defensa. O tribunal avaliador elaborará unha acta que formará parte do expediente académico de cada alumno/a.

    Protocolo da fase de presentación e defensa do Traballo Fin de Estudos


    O tribunal que avalíe un TFE estará composto por cinco docentes. Un deles figurará como presidente, outro como secretario e os outros tres como vogais. A substitución de calquera dos membros do tribunal, cando proceda, só se realizará por causas debidamente xustificadas.

    A presentación do TFE terá lugar en dous días. No primeiro procederase á presentación da proposta escénica. No segundo terá lugar o acto de defensa.

    No día da presentación da proposta escénica, o secretario do tribunal tomará a palabra antes de comezar o acto para informar do título do proxecto, dos nomes e apelidos do alumnado participante e mais dos integrantes do tribunal. Tamén informará da data, hora e lugar no que se realizará o acto de defensa.

    O protocolo do acto de defensa realizarase atendendo ás seguintes pautas:

    O secretario do tribunal anuncia o acto de defensa, presenta os membros do tribunal cos seus cargos e dá a palabra ao alumno.

    O estudante expón a súa valoración do traballo realizado, tanto da proposta escénica como da memoria.

    A continuación, o secretario anuncia o inicio das intervencións do tribunal. Entón, a presidencia irá cedéndolle a palabra a cada membro do tribunal, que realizará as preguntas ou consideracións que estime oportunas, ás que o estudante poderá responder se así se o cre conveniente ou se lle solicita. Logo de falar o resto de membros do tribunal, a presidencia realizará unha intervención final e, logo desta, convidará o estudante e demais persoas asistentes ao acto a abandonar a sala para proceder á deliberación e á avaliación.

    En privado, o Tribunal debaterá os aspectos que considere convenientes con intención de chegar a unha cualificación. En todo caso, a cualificación establecerase en función da nota media resultante das cualificacións particulares de cada un dos membros do tribunal. O secretario será o encargado de recoller as cinco cualificacións e de realizar os cálculos correspondentes para establecer a nota final. Se entre a cualificación máis baixa e a máis alta hai unha distancia de 5 puntos ou máis, estas dúas cualificacións non serán tidas en conta para o cálculo da nota media. Será esa nota media, entre 0 e 10 a que figure na Acta de Avaliación que deberán asinar todos os membros do Tribunal.

    Os tribunais avaliadores deberán cubrir a plantilla de avaliación elaborada polo Departamento. Cada membro debe realizar a súa, coa avaliación dos parámetros para memoria, presentación e defensa. Estes 5 documentos, coas súas correspondentes notas, deberán gramparse xunto coa acta final, que se depositará na Administración da ESAD ao día seguinte da defensa.

    A Comisión de Coordinación Pedagóxica acorda que a nota media do TFE se comunicará a cada alumno/a a través de CODEXpro a partir do día seguinte da realización da súa defensa.

FACEBOOK TWITTER IVOOX PINTEREST LINKEDIN FLICKR CONTACTO
  • Escenografía

  • Dirección escénica e dramaturxia

  • Interpretación

  • ERASMUS