ACSUG: Informe de seguimento



Horario da Biblioteca


Plan de autoprotección





ESAD | Historia
  •  
  •  
    •  
    • HISTORIA
    •  
    • A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia foi creada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria mediante o Decreto 145/2005 do 2 de xuño, publicado no Diario Oficial de Galicia con data do 6 de xuño de 2005. Medio ano despois o Diario Oficial de Galicia, no seu número 50 do 13 de marzo de 2006, publicaba o Decreto 42/2006, do 23 de febreiro, polo que se modificaba o anterior Decreto 145/2005, e a Escola Superior de Arte Dramática pasaba a denominarse Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. A Orde do 16 de xuño de 2008, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, publicada no Diario Oficial de Galicia do luns 4 de agosto de 2008, autoriza as ensinanzas que se imparten na mesma.
      •  
      • SABER MÁIS
      •  
      • Coa denominación proposta, Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, a comunidade escolar do centro tamén quería asumir o seu legado histórico, sabéndose debedora e herdeira de experiencias anteriores nas que xa latexaba esa necesidade e o desexo de contar cunha institución pública de educación teatral superior. Na xenealoxía desa preocupación pola formación teatral ocupan un lugar preferente empresas colectivas do calado da Escuela Regional Gallega de Declamación, que funciona na Coruña entre 1903 e 1905 e na que van iniciar as súas actividades profesionais actores e directores como Bernardo Bermúdez Jambrina ou Eduardo Sánchez Miño, quen pouco despois funda a Escola Dramática Galega, coa que propón desenvolver un proxecto de creación teatral vinculado ao Teatro Romea de Ferrol. Son estas compañías que apostan decididamente pola creación escénica en lingua galega mantendo unha denominación que facía unha referencia explícita á urxente necesidade de formación regulada. Anos despois, en 1919 preséntanse na Coruña o Conservatorio Nazonal do Arte Galego, promovido pola Irmandade da Fala da capital herculina e alentada por creadores e intelectuais galeguistas do calado de Xaime Quintanilla ou Antón Villar Ponte, e ocupando o posto de director artístico Fernando Osorio Docampo, formado no Conservatorio Superior de Lisboa, e profesional do teatro por formación e vocación. A pesar da súa curta vida, aquel Conservatorio veu poñer unha vez máis de manifesto a necesidade da formación, que tamén reivindicaron os continuadores da experiencia na propia Irmandade ao presentar en 1922 a Escola Dramática Galega, coa mesma vocación educativa e á fronte da que se sitúa Leandro Carré Alvarellos, autor dun pequeno prontuario de declamación publicado naquelas datas nas páxinas do semanario A Nosa Terra. Naqueles anos de efervescencia no activismo político, cultural, educativo ou artístico, as páxinas de xornais como El Pueblo Gallego foron testemuñas da actualidade e continuidade da idea, que unha e outra vez se presenta como necesidade urxente, ao punto de que intelectuais de moi diversa filiación reclaman a constitución dunha tal escola, desde Armando Cotarelo Valledor ata Manuel Lustres Rivas, desde Jesús Bal y Gay ata Manuel Lugrís Freire. Quizais a necesidade dese centro de formación fose un dos poucos puntos de encontro nos debates que se producen naquela altura e ata 1936 arredor das orientacións do teatro en lingua galega. Coa Ditadura, aquelas esperanzas de modernidade e progreso desapareceron nunha longa noite de pedra para a lingua, a cultura e a creación artística e o teatro galego esmoreceu por falta de posibilidades para a creación e a difusión. Só a finais dos anos setenta, e grazas ao esforzo e á vontade de moi diversos colectivos, desde os universitarios ata os veciñais, e coa contribución xenerosa das diferentes agrupacións escénicas, se abren novas esperanzas e vieiros novos. Coa posta en marcha da Mostra de Ribadavia, e coas Mostras de Teatro e o Concurso de Obras Teatrais en Galego, que supón unha proposta de mellora e dignificación do noso teatro, e co impulso que recibe a creación dramática e teatral coa proposta de profesionalización que se formula por volta de 1978, as necesidades de formación volven agromar con forza e de novo volve coller corpo a idea dun centro superior de formación que vai acompañar todas as reivindicacións da comunidade teatral no seu conxunto, ao tempo que xorden as primeiras escolas municipais e aulas de teatro e cando se volven presentar compañías e agrupacións cunha denominación escolar como a Escola Dramática Galega da Coruña ou o Obradoiro de Aprendizaxe Teatral Antroido. A creación do Centro Dramático galego en 1984 e do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais en 1989 supoñen fitos no proceso de lexitimación e institucionalización dun teatro propio, que se vai ver complementado con outras medidas de configuración do sistema teatral. Será a partir dos anos 90, e despois da celebración do Primeiro Encontro do Teatro Profesional, celebrado en Ferrol en 1988, cando a necesidade da Escola se deixe sentir aínda con máis forza e na década dos noventa sucédense as iniciativas para activar proxectos en diferentes puntos da nosa xeografía. En 1996 a Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia salientaba esa necesidade nun documento publicado nese ano co título de Necesidade dunha política teatral. Eventos como os Encontros do Teatro de Galicia e Portugal, celebrados entre Viana do Castelo e Cangas do Morrazo entre 1997 e 1999 incidiron aínda máis, se cabe, nesa necesidade. Finalmente, en 1998 o Consello da Cultura Galega publicaba un estudo titulado Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Proxecto no que se desenvolvía unha proposta ao abeiro do disposto na lexislación vixente. A presentación daquel traballo remataba cun parágrafo de recoñecemento e agradecemento ás persoas que tiñan presentado proxectos similares con anterioridade, coas palabras seguintes: “estamos tamén seguros de que farán seu este proxecto que nace como suma de todos os anteriores pois co seu traballo, en certa medida inaugural, souberon dar conta dunha necesidade agora compartida por amplos sectores da sociedade galega”. Naquel preámbulo tamén se afirmaba a necesidade de dotar o crecente tecido teatral galego de instrumentos que garantisen a súa plena regularización e o seu progresivo desenvolvemento, lembrando que o das artes escénicas constitúe un sector produtivo que xera benestar social, riqueza e crea o seu propio mercado de traballo, cada vez máis rico e diversificado. A ESAD de Galicia é, nesa dirección, unha institución singular e fundamental para o desenvolvemento do sistema teatral e cultural de Galicia. Polo tanto nace e debe desenvolverse cunha clara vontade de facer país e de traballar polo progreso social, económico e cultural desta comunidade e dos seus habitantes, promovendo e proxectando a creatividade das súas xentes no interior e no exterior. Ao longo destes anos de existencia a ESAD veu implantando as ensinanzas autorizadas e desenvolvendo outras iniciativas como O Plan de Formación permanente dos Traballadores e Traballadoras das artes escénicas, en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais, un Campus Internacional de Verán das Artes Escénicas en colaboración co Concello de Vigo, o Obradoiro de Investigación Teatral Teatronova en colaboración con Caixanova, o Proxecto Teatro en Acción en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, o Premio Internacional de Interpretación Marta Sieiro ou unha liña específica de publicacións en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia. Tamén organiza conferencias e seminarios de traballo nos que teñen participado destacadas personalidades da escena galega e internacional.
FACEBOOK TWITTER IVOOX PINTEREST LINKEDIN FLICKR CONTACTO
  • Escenografía

    Programacións docentes

  • Dirección escénica e dramaturxia

    Programacións docentes

  • Interpretación

    Programacións docentes

  • ERASMUS+