15º aniversario da especialidade de Escenografía

Os estudos de Escenografía conducen a un título de grao equivalente ao universitario e ofrecen unha sólida formación teórica, práctica e técnica en diversas áreas da plástica escénica e audiovisual.
29 de Maio de 2024

Desde a súa fundación en 2005, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia fomenta a excelencia artística a través da profesionalización e da creatividade no ámbito das artes escénicas. A creación da especialidade de Escenografía en 2009 representou un paso crucial na realización deste obxectivo, permitindo desenvolver unha formación inédita en Galicia, ao ofrecer unha formación integrada con tres especialidades, Dirección Escénica e Dramaturxia, Escenografía e Interpretación, situando á ESADg como un dos principais centros educativos do Estado neste campo.

Os estudos de Escenografía conducen a un título de grao equivalente ao universitario e ofrecen unha sólida formación teórica, práctica e técnica en diversas áreas, incluíndo o deseño de espazos escénicos, a creación de atmosferas mediante a iluminación, a elaboración de proxectos para caracterización e indumentaria, así como a construción de escenografías mediante o uso de novos materiais e tecnoloxías diversas, fomentando así a capacidade para innovar e adaptarse aos cambios do campo profesional.

Ao longo do período formativo, o alumnado participa activamente en proxectos internacionais como o Proxecto Nós/Nous, no que realizan espectáculos en colaboración con alumnado da ESTC de Lisboa, a ESMAE do Porto e a ENSATT de Lyon; ou a Cuadrienal de Praga, a feira máis importante do mundo no eido da escenografía e da arquitectura teatral. Ademais, o alumnado pode completar a súa formación específica en centros educativos de referencia europea como DAMU de Praga ou JAMU de Brno, a través do programa de intercambio Erasmus+.

Ao longo dos últimos 15 anos, a especialidade de Escenografía vén formando profesionais altamente cualificados/as, graduados/as que están a desenvolver a súa carreira profesional no ámbito da plástica escénica contemporánea en proxectos de recoñecido prestixio. Estes estudos preparan aos/ás futuros/as escenógrafos/as para desenvolver achegas significativas á cultura e á sociedade, a través dun traballo creativo e innovador na industria das artes escénicas e audiovisuais.

Tamén podería interesarche

Probas de acceso 2025
Probas de acceso 2025

O prazo de inscrición ás probas de acceso aos estudos de arte dramática da ESAD de Galicia xa está...

A ESAD de Galicia convértese, os días 21 e 22 de marzo, no epicentro da educación teatral no...

As certezas de Ofelia
As certezas de Ofelia

NOVO OBRADOIRO INTEGRADO DE 4º CURSO DA ESAD GALICIA "As certezas de Ofelia", unha peza de Luísa...