A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADG) participa, desde 2020, no Proxecto Nós/Nous, unha iniciativa de cooperación transnacional arredor da educación artística en Europa. Este proxecto congrega a 9 organizacións europeas (cinco escolas de ensino superior e catro teatros de Galicia, Portugal, Francia e Alemaña), todas elas implicadas activamente na creación dunha rede internacional de formación e exhibición escénica con vontade de servizo público e interese na responsabilidade artística e no compromiso social.
Nos últimos catro anos, o Proxecto Nós/Nous ten presentado diferentes espectáculos nos que participou o alumnado da ESADG xunto con alumnado da ESTC de Lisboa, a ESMAE do Porto e a ENSATT de Lyon. Estas propostas artísticas teñen percorrido en xira os escenarios de grandes teatros públicos, como o Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa, o Teatro Nacional São João do Porto, o Salón Teatro de Santiago de Compostela ou Les Célestins de Lyon. Xunto con estas propostas artísticas, o Proxecto Nós/Nous promove encontros de creación, formación, reflexión e debate entre todas as organizacións participantes. O encontro deste ano 2024 desenvolverase en Vigo durante os días 14 e 15 de maio e continuará no Porto os días 16 e 17.
No seu firme compromiso de ser unha entidade de referencia no ensino superior galego, a ESADG quere seguir medrando e consolidando a súa oferta educativa mediante a colaboración con entidades teatrais europeas e, sobre todo, con organizacións galegas que promovan a construción dun mundo máis equitativo, integrador, solidario e saudábel. Ese espírito activista, presente en múltiples organizacións do país, representa unha forza extensa e necesaria, que merece o debido recoñecemento.
A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia congregará a representantes do activismo festivo (como Braulio Vilariño, do Festival Agrocuir da Ulloa, ou Iván Prado de Pallasos en rebeldía), o activismo desde os espazos de creación (Nuria Sotelo do espazo de creación no rural A Casa Vella de Allariz e Roberto Casal da Conserveira Cultural A Fedora de Redondela), o activismo ambiental (representado por Manuel Lopes Rodrigues, da Comunidade de Montes de Teis), o activismo patrimonial (no que se contará con Ramón Pinheiro de aCentral Folque e Xavier Groba do Clube Maúxo) e, por suposto, do activismo teatral, que nesta ocasión estará representado por Xesús Ron de Chévere, Lucho Penabade d’Os Quinquilláns e María Armesto da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.
A xuntanza organizarase en pequenas conversas, que se desenvolverán no Museo do Mar de Galicia e na propia sede da ESADG. Mais non só haberá coloquios, senón tamén unha andaina, un cruceiro pola ría, un concerto e máis actividades de lecer. A maiores das persoas convidadas, das representantes do Proxecto Nós/Nous e das integrantes da comunidade eductiva da ESADg, todas as actividades están abertas ao público xeral. Agárdase que xurdan en “Activistas” novas complicidades, sinerxías e proxectos que potencien a educación teatral e permitan ampliar e mellorar as confluencias entre o sector cultural e o tecido social galego.