PROBAS DE ACCESO
Descrición
As probas de acceso ás ensinanzas superiores de arte dramática teñen por obxecto valorar as aptitudes, coñecementos e capacidades necesarias para cursar con aproveitamento os estudos de arte dramática na ESAD de Galicia. Estas probas non son simplemente un exame académico: están deseñadas para observar a creatividade, o potencial expresivo, a sensibilidade artística e a capacidade de resposta individual de cada aspirante dentro da especialidade que elixa. Realízanse por especialidades -Interpretación, Escenografía, Dirección escénica e Dramaturxia- e inclúen diferentes exercicios que exploran tanto habilidades técnicas como creativas, así como unha entrevista persoal para coñecer mellor a perspectiva artística de cada candidata/o.
Descrición das probas
EN BLANCO
Dirección escénica e dramaturxia
DATA PROBAS: 6 e 7 de Xullo de 2026
As probas de acceso para a especialidade de Dirección escénica e dramaturxia desenvólvense durante dous días e presentan a estrutura que se indica a continuación
DÍA 6 DE XULLO DE 2026
PRESENTACIÓN
9:00 Recepción das aspirantes, condución ao espazo de realización das probas, información sobre os exercicios e comprobación da identidade das aspirantes. É necesario presentar o D.N.I. ou no seu defecto calquera documento de identificación persoal.
9:30 EXERCICIO 1. Comentario dun texto teórico sobre a dirección escénica e/ou a dramaturxia (20% da nota final).
Nesta proba presentaranse dous fragmentos textuais de dúas obras diferentes. As aspirantes elixirán un deles e realizarán o comentario durante un tempo máximo de 60 minutos.
- Manual de práctica teatral feminista, de Elaine Aston. Editorial Galaxia.
- Pensar co corpo, de Manuel Lourenzo. Deputación Provincial da Coruña.
Valorarase a comprensión da idea principal e das secundarias do texto, así como a presentación de opinións persoais respecto aos argumentos expostos. Tamén se avaliará se a aspirante é quen de situar o discurso do/a autor/a do texto no marco das artes escénicas ou doutras artes afíns, establecendo relacións con prácticas, teorías ou experiencias persoais que a aspirante coñeza.
10:45 EXERCICIO 2. Realización dunha proposta de escenificación (20% da nota final).
Neste exercicio presentaranse dous fragmentos, un de cada un dos seguintes textos:
- Hamlet, de William Shakespeare. Editorial Galaxia.
- Os cans non comprenden a Kandinsky, de AveLina Pérez (enlace para a lectura do texto)
Cada aspirante elixirá un dos fragmentos presentados e, a partir del, formulará a súa proposta, tendo en conta o marco xeral da peza dramática á que pertence.
Valorarase a coherencia entre a visión particular da aspirante sobre o texto proposto e a súa resolución do proxecto escénico. Así, é recomendable que o proxecto sitúe a escena no contexto da obra completa á que pertence, que aclare os núcleos de interese dese fragmento, que indique o enfoque escénico polo que se opta e que detalle as solucións artísticas escollidas. Neste sentido, é importante articular unha proposta na que diversos elementos da linguaxe escénica (interpretación, espazo escénico, vestiario, iluminación, espazo sonoro…) se vexan reflectidos, xustificando tales eleccións e poñéndoas en relación unhas con outras.
12:00 EXERCICIO 3. Escrita dun texto dramático (20% da nota final).
Neste exercicio presentaranse, como nos casos anteriores, dúas opcións. En cada unha ofreceranse certos parámetros a partir dos cales se terá que desenvolver a escrita dunha escena ou peza breve. Eses parámetros poden ser de diversa natureza. Poden consistir nunha determinada estrutura de acción na que se indiquen os actantes fundamentais (suxeito/protagonista, opoñentes/antagonistas, axudantes, etc.). Poden delimitar certos personaxes nun espazo determinado. Poden consistir nunha réplica, suceso ou referencia que desencadee a acción dramática.
Sexan cales foren as pautas iniciais que se presenten neste exercicio, valorarase a adaptación da escrita dramática a esas premisas dadas, así como o grao de coherencia e sentido da proposta.
13:30 EXERCICIO 4. Dirección actoral dunha composición escénica breve (20% da nota final).
Cada aspirante dirixirá unha composición escénica a partir dun breve diálogo proposto polo tribunal. Para a realización desta proposta, cada aspirante contará coa colaboración doutras dúas persoas aspirantes, que actuarán como intérpretes. Recoméndase indicar, ao inicio do exercicio, as claves xerais da situación escénica e, máis tarde, a partir da observación do traballo actoral, propor novas indicacións que vaian mellorando os resultados obtidos.
O exercicio desenvolverase durante un mínimo de 5 minutos e un máximo de 10.
DÍA 6 DE XULLO (a partir das 16:00) E DÍA 7 DE XULLO (a partir das 10:00)
EXERCICIO 5. Entrevista persoal (20% da nota final).
Logo de ser publicada a lista definitva de persoas admitidas e excluídas das probas de acceso, notificaráselle a cada aspirante o día (ben o 6, ben o 7 de xullo) e horario de realización da súa entrevista.
Nesta proba, cada aspirante lerá en voz alta, diante do tribunal, os tres exercicios escritos. Ao remate desa lectura, o tribunal poderá facer preguntas sobre eses contidos.
Logo, cada aspirante fará, durante un máximo de 5 minutos, unha presentación de si mesma na que, ademais de datos persoais, indique que motivos a levan a querer entrar na escola, por cal das opcións ten maior interese (dirección escénica ou dramaturxia) no caso de telo claro, cales son as súas experiencias ou referencias artísticas, que dispoñibilidade terá para o seguimento dos estudos… Logo desta presentación, o tribunal poderá efectuar algunha pregunta que axude a completar ou precisar a información trasladada pola aspirante.
Escenografía
DATA PROBAS: 6 de Xullo de 2026.
—
Todos os soportes e materiais necesarios para o desenvolvemento destas probas deberán ser achegados por cada aspirante.
9:00 Recepción das aspirantes, condución ao espazo de realización das probas, información sobre os exercicios e comprobación da identidade das aspirantes. É necesario presentar o D.N.I. ou no seu defecto calquera documento de identificación persoal.
9:15 EXERCICIO 1. Debuxo ao natural a cor (40% da cualificación final).
A partir dunha proposta comunicada polo tribunal ao inicio da proba (unha imaxe, unha peza musical, un poema, etc.), as aspirantes deberán realizar un debuxo libre ao natural a cor. A elección do soporte será libre (bidimensional ou tridimensional, papel, cartón, madeira, etc.) pero o tamaño mínimo será o formato A3. A técnica a empregar tamén será libre (acuarela, gouache, acrílico, lapis de cores, pasteis, collage, frottage, grattage, rotuladores, etc.).
11:15 DESCANSO
11:45 EXERCICIO 2. Deseño de escenografía (40% da cualificación final).
A partir dun fragmento dun texto dramático facilitado polo tribunal ao inicio da proba, as aspirantes deberán realizar unha proposta de deseño do espazo escénico e das personaxes. A elección do soporte será libre (bidimensional ou tridimensional) pero o tamaño mínimo será o formato A3. A técnica a empregar tamén será libre (construción, ensamblaxe, collage, pintura, etc.).
13:45 ENTREVISTA PERSOAL (20% da cualificación final).
Cunha duración non superior a vinte minutos, terá como finalidade coñecer as experiencias previas dos aspirantes no ámbito das artes plásticas e no campo escénico, así como os seus intereses e expectativas en relación cos estudos. Valorarase a achega por parte das aspirantes dun cartafol con traballos plásticos e/ou experiencias relacionadas co feito teatral ou artístico que considere oportunos aportar ao tribunal.
Interpretación
DATAS PROBAS: 6 a 8 de Xullo de 2026
As persoas aspirantes ás probas de acceso á especialidade de Interpretación dividiranse en catro grupos. Velaquí os horarios de realización das probas para cada grupo.
NORMAS DE REALIZACIÓN DAS PROBAS
- Todas as persoas aspirantes deben presentar o seu DNI o NIE en vigor para se poderen identificar e poder acceder ás probas.
- Todo o alumnado aspirante deberá vir con roupa deportiva cómoda (preferiblemente roupa de cores escuras) e calzado deportivo apto para correr en asfalto. Levarán o pelo recollido, sen xoias, piercings nin reloxos.
- Débese ter en conta que para a realización de determinados exercicios pode ser necesario descalzarse.
- Aconséllase traer auga nun envase que leve o nome da aspirante.
- Todas as aspirantes deben ser puntuais nas probas en grupo e na entrevista.
ESTRUTURA DAS PROBAS
As probas de acceso para a especialidade de Interpretación desenvólvense durante varios días e presentan a estrutura que se indica a continuación.
EXERCICIO 1. Corpo (30 % da cualificación final)
Realizaranse diversas propostas prácticas de traballo orientadas a analizar as aptitudes corporais, a creatividade no movemento e o nivel de interacción co grupo de cada unha das persoas aspirantes.
EXERCICIO 2. Voz (30 % da cualificación final)
Realizaranse diversas propostas prácticas de traballo orientadas a analizar a conciencia e o uso da respiración, a calidade vocal, e a comprensión e expresión lectora. Será necesario traer ben memorizado o texto proposto. Canto: afinación, emisión, concentración, oído interno e memoria.
EXERCICIO 3. Interpretación (30 % da cualificación final)
O tribunal proporá diversos traballos de improvisación, onde se observará a capacidade de escoita, a integración dos estímulos corporais e vocais de cara á interpretación e o emprego do espazo, do tempo e do ritmo dramáticos.
O segundo día todos e todas as aspirantes terán que presentar:
1.Unha PROPOSTA ESCÉNICA a partir da elección dun dos 3 textos propostos (enlace aos textos). A proposta, ademais de contemplar a interpretación do texto, pode incluír o uso do mesmo de maneira non convencional. A aspirante deberá traer todo o necesario para realizar a súa proposta.
2. Unha PROPOSTA LIBRE na que amose diversas destrezas (danza, música, interpretación, malabares ou calquera expresión que considere). A escola conta con equipo de música, cadeiras e piano para as propostas que o precisen. As cancións deberán ser entregadas nun pen drive para a súa reprodución. (Máximo 2 minutos)
ENTREVISTA PERSOAL (10 % da cualificación final)
Terá como finalidade analizar as destrezas comunicativas das persoas aspirantes, valorar a súa capacidade de resposta a preguntas que se lle formulen e coñecer os seus intereses e expectativas.
Rúbricas de avaliación
EN BLANCO
