fbpx

Probas de acceso

Probas de Acceso 2022/2023

PRAZAS VACANTES POR ESPECIALIDADE

Dirección escénica e dramaturxia: 6
Escenografía: 10

listaxe_definitiva_cualificacións_PPAA_setembro

listaxe_provisional_cualificacións_PPAA_setembro⇒ ADMISIÓN E ACCESO

DESENVOLVEMENTO DAS PROBAS ESPECÍFICAS

DATA PROBAS:  1 de setembro

09:10-09:30 | PRESENTACIÓN
Recepción das aspirantes, condución aos espazos de realización das probas, información sobre os exercicios e comprobación da identidade das aspirantes (para a cal é obrigatoria a presentación do documento de identidade persoal).


09:30-10:30 | EXERCICIO 1. Comentario dun texto teórico sobre a dirección escénica e/ou a dramaturxia (20% da nota final).
Nesta proba presentaranse dous fragmentos textuais de dúas obras diferentes. As aspirantes elixirán un deles e realizarán o comentario durante un tempo máximo de 60 minutos.

Valorarase a comprensión da idea principal e das secundarias do texto, así como a presentación de opinións persoais respecto aos argumentos expostos. Tamén se avaliará se a aspirante é quen de situar o discurso do/a autor/a do texto no marco das artes escénicas ou doutras artes afíns, establecendo relacións con prácticas, teorías ou experiencias persoais que a aspirante coñeza.


10:45-12:00 | EXERCICIO 2. Realización dunha proposta de escenificación (20% da nota final).
Neste exercicio presentaranse dous fragmentos, un de cada un dos seguintes textos:

  • Lonxe [Far away], de Caryl Churchill.
  • Límpidos [Cleansed], de Sarah Kane.

Cada aspirante elixirá un dos fragmentos presentados e, a partir del, formulará a súa proposta.

Valorarase a coherencia entre a visión particular da aspirante sobre o texto proposto e a súa resolución do proxecto escénico. Así, é recomendable que o proxecto sitúe a escena no contexto da obra completa á que pertence, que aclare os núcleos de interese dese fragmento, que indique o enfoque escénico polo que se opta e que detalle as solucións artísticas escollidas. Neste sentido, é  importante articular unha proposta na que diversos elementos da linguaxe escénica (interpretación, espazo escénico, vestiario, iluminación, espazo sonoro…) se vexan reflectidos, xustificando tales eleccións e poñéndoas en relación unhas con outras.


12:15-13:15 | EXERCICIO 3: Escrita dun texto dramático (20% da nota final).
Neste exercicio presentaranse, como nos casos anteriores, dúas opcións. En cada unha ofreceranse certos parámetros a partir dos cales se terá que desenvolver a escrita dunha escena ou peza breve. Eses parámetros poden ser de diversa natureza. Poden consistir nunha determinada estrutura de acción na que se indiquen os actantes fundamentais (suxeito/protagonista, opoñentes/antagonistas, axudantes, etc.). Poden delimitar certos personaxes nun espazo determinado. Poden consistir nunha réplica, suceso ou referencia que desencadee a acción dramática.

Sexan cales foren as pautas iniciais que se presenten neste exercicio, valorarase a adaptación da escrita dramática a esas premisas dadas, así como o grao de coherencia e sentido da proposta.


13:45 -15:00 | EXERCICIO 4: Dirección actoral dunha composición escénica breve (20% da nota final).
Cada aspirante dirixirá unha composición escénica a partir dun breve diálogo proposto polo tribunal. Para a realización desta proposta, cada aspirante contará coa colaboración doutras dúas persoas aspirantes, que actuarán como intérpretes. Recoméndase indicar, ao inicio do exercicio, as claves xerais da situación escénica e, máis tarde, a partir da observación do traballo actoral, propor novas indicacións que vaian mellorando os resultados obtidos.

O exercicio desenvolverase durante un mínimo de 5 minutos e un máximo de 10.


16:00 | EXERCICIO 5: Entrevista persoal (20% da nota final).
Con antelación á realización das probas de acceso, desde a ESADg contactarase con cada aspirante para lle dar a coñecer o horario no cal deberá comparecer no centro para realizar este último exercicio.

Nesta proba, cada aspirante lerá en voz alta, diante do tribunal, os tres exercicios escritos durante a mañá. Ao remate desa lectura, o tribunal poderá facer preguntas sobre eses contidos.

Logo, cada aspirante fará, durante un máximo de 5 minutos, unha presentación de si mesma na que, ademais de datos persoais, indique que motivos a levan a querer entrar na escola, por cal das opcións ten maior interese (dirección escénica ou dramaturxia) no caso de telo claro, cales son as súas experiencias ou referencias artísticas, que dispoñibilidade terá para o seguimento dos estudos… Logo desta presentación, o tribunal poderá efectuar algunha pregunta que axude a completar ou precisar a información trasladada pola aspirante.

DATA PROBAS:  1 de setembro

Todo o material necesario para o desenvolvemento destas probas deberá aportalo cada candidato/a. É necesario presentar o D.N.I. ou tarxeta de residencia persoal.

09:0011:00 | EXERCICIO 1. Deseño escénico (40% da cualificación final).
A partir dun fragmento dun texto dramático, ou doutra proposta temática, que se dará o mesmo
día da proba, os/as aspirantes deberán realizar unha proposta de deseño dun espazo escénico, no que incluirán elementos e útiles escénicos que estimen necesarios. Valorarase a adecuación entre o estímulo proposto e a realización práctica, e o feito de que se complete o traballo no tempo dispoñible.

11:0011:30 | DESCANSO

11:3013:30 | EXERCICIO 2. Debuxo do natural (40% da cualificación final).
O tribunal dará a/o candidato/a unha premisa para que desenvolva de forma libre a súa creatividade. Dede ser plasmado de forma bidimensional (formato papel) e coa técnica que considere o/a aspirante (técnica libre e/ou mixta).

13:30 | ENTREVISTA PERSOAL (20% da cualificación final).
Cunha duración non superior a vinte minutos, terá como finalidade coñecer as experiencias previas dos aspirantes no ámbito das artes plásticas e no campo escénico, así como os seus intereses e expectativas en relación cos estudos. A maiores, o/a candidato/a pode aportar un dosier cos traballos e experiencias relacionadas co feito teatral ou artístico, que considere oportuno aportar ao tribunal.

SEN PRAZAS PARA SETEMBRO

EXERCICIO 1. Corpo (30 % da cualificación final).

Realizaranse diversas propostas prácticas de traballo orientadas a analizar as aptitudes corporais, a creatividade no movemento e o nivel de interacción co grupo de cada unha das persoas aspirantes.


EXERCICIO 2. Voz (30 % da cualificación final).

Realizaranse diversas propostas prácticas de traballo orientadas a analizar a conciencia e o uso da respiración, a calidade vocal, e a comprensión e expresión lectora.


EXERCICIO 3. Interpretación (30 % da cualificación final).

3.1. Proposta persoal. Todos/as os/as aspirantes, de xeito individual, deben preparar unha proposta escénica, a partir de calquera destes 3 textos. Pódese adaptar o xénero, segundo as necesidades das propostas.

3.2. O tribunal proporá diversos traballos de improvisación, onde se observará a capacidade de escoita, a integración dos estímulos corporais e vocais de cara a interpretación e o emprego do espazo, do tempo e do ritmo dramáticos.


ENTREVISTA PERSOAL (10 % da cualificación final).

Terá como finalidade analizar as destrezas expresivas das persoas aspirantes e a súa capacidade de resposta, así como a de ter información sobre as súas experiencias previas no campo escénico, os seus intereses e expectativas.

Información xeral sobre as Probas de Acceso

Probas de acceso

Para cursar estudos superiores de Arte Dramática as persoas aspirantes, ademais de cumprir os requisitos de acceso, deberán realizar e superar unha proba específica para cada especialidade: Dirección escénica e dramaturxia, Escenografía, e Interpretación. Esta proba ten como finalidade valorar a madureza, coñecementos, e aptitudes do futuro alumnado para cursar con aproveitamento as ensinanzas.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, é a responsable da convocatoria anual de probas de acceso, do nomeamento dos Tribunais responsables da organización, realización, avaliación e cualificación das mesmas, e do establecemento do calendario xeral de celebración das mesmas. En función do establecido na convocatoria oficial, e a partir do calendario específico establecido por cada tribunal de especialidade, a ESADg fai pública toda a información pertinente a través desta páxina web e nos taboleiros oficiais. As probas, na súa convocatoria ordinaria, adoitan celebrarse a finais do mes de xuño. De quedaren prazas vacantes celébrase unha convocatoria extraordinaria nos primeiros dez días do mes de setembro.

Inscrición

O período de inscrición nas probas de acceso, na súa convocatoria ordinaria, adoita transcorrer de finais de maio a principios de xuño. A convocatoria das mesmas publícase no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Unha vez publicada no DOG, tamén se traslada á páxina web da escola, indicando a documentación que deben achegar as persoas aspirantes, así como os diferentes prazos: listaxe provisional de persoas admitidas, prazo de reclamacións ás listaxes provisionais, listaxes definitivas, e convocatoria das persoas aspirantes.

Procedemento de inscrición

Documentación que deberán achegar as persoas aspirantes:

  • Solicitude de inscrición nas Probas de acceso, dispoñible en Administración.
  • Fotocopia D.N.I.
  • Certificado oficial de estudos, Copia compulsada do título de Bacharelato, Certificación  da proba acceso universidade para maiores de 25 anos, ou certificación da proba para maiores de 18 anos.
  • Taxas (64,00 €). Impreso.

Para que as persoas fóra de Galicia podan realizar o pago deberán poñerse en contacto coa secretaría da escola a través do seguinte número: 986 246 399.

Admisión

A asignación de prazas realízase en función dos resultados da avaliación da proba, que se expresarán en termos numéricos nunha escala de 1 a 10, con dous decimais, e sempre en función das vacantes dispoñibles, considerando a proba superada para as cualificacións iguais ou superiores a 5. Unha vez finalizado todo o proceso, cumpridos os períodos de revisión e reclamacións, faise pública a acta coas cualificacións definitivas das probas e coa asignación de prazas, no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

A admisión para cursar os estudos dependerá do número de vacantes dispoñibles, que se adxudicarán en función da puntuación obtida, comezando coa maior puntuación e continuando en orde decrecente. O alumnado que supere as probas pero non obteña praza será incluído na quenda de agarda. De non cubrirse todas as prazas na convocatoria ordinaria, poderá realizarse unha convocatoria extraordinaria no mes de setembro.

Tribunais

De acordo co establecido no artigo 7.3 da Orde do 21 de novembro de 2016, para a organización, a realización, a avaliación e a cualificación das probas específicas de acceso, constituirase un tribunal por especialidade. Tribunais encargados da redacción, realización e cualificación da proba específica de acceso aos estudos superiores de Arte Dramática.