Vacalouras no monte: o milagre de Teis

Manuel Lopes Rodrigues, secretario da Comunidade de Montes de Teis, compartiu connosco, o día 15 de maio, a historia deste colectivo, que decidiu converter o seu monte veciñal nunha fraga autóctona.

Fuxindo do monocultivo e loitando contra especies invasoras como o eucalipto ou a acacia negra, a Comunidade de Montes de Teis ten demostrado que a recuperación dun ecosistema pode ser máis rápida do que auguran certos tópicos sobre a rexeneración de ecosistemas en perigo. Nos seus 25 anos de actividade, a Comunidade ten reintroducido especies nativas, mantendo tamén unha loita perseverante contra as especies foráneas que estragan o monte.  

Lopes subliñou que o soño do seu proxecto ten consistido, durante estes anos, en remedar o caos da natureza, de xeito que o resultado da planificación do seu monte sexa indistinguible do proceso de evolución natural dos ecosistemas autóctonos. Este traballo laborioso, esforzado e non remunerado é unha esforzada dedicación de décadas, o froito de “facer o mesmo unha e outra vez até que o milagre acontecer”. E ese milagre tivo lugar, relatou Lopes, un 9 de xullo de 2020, día no que un membro da Comunidade captou no Monte de Teis a primeira imaxe dunha vacaloura. O monte comezaba a ter hóspedes senlleiros das terras galegas. Mais o proxecto, lonxe de ter finalizado, continúa ben vivo, pois aínda agardan ver novos fitos na evolución desta fraga, que ha seguir precisando durante décadas do coidado da veciñanza de Teis, consciente de que “a empatía coa natureza é unha empatía con nós mesmos”. 

Tamén podería interesarche

Mostras de Primavera 2024
Mostras de Primavera 2024

30 representacións, 10 espazos de exhibición e máis de 120 persoas implicadas nestas Mostras de...