A ESCOLA

Benvida

Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg)

A comunidade educativa da ESADg, centro dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, quere trasladar unha cordial benvida a esta páxina web, concibida como unha ferramenta para presentar a súa estrutura e normas de funcionamento, así como a súa oferta académica xunto coas actividades de creación e investigación que lle son propias. Un portal desde o que facilitar toda a información que poidan precisar as persoas interesadas na nosa actividade.

A ESADg é unha institución oficial e pública, comprometida co desenvolvemento do sistema cultural, escénico e teatral galego a través da formación que imparte e dos seus procesos de creación, investigación e difusión do coñecemento.

Creada en 2005, na súa oferta educativa inclúe as tres especialidades contempladas pola lexislación vixente: Dirección escénica e dramaturxia, Escenografía e Interpretación, coas que dar resposta á formación integral dos profesionais que a sociedade actual demanda, fomentando a innovación e a mellora permanente, pero tamén impulsando valores de tolerancia, liberdade, igualdade, inclusión, cooperación, solidariedade, e respecto pola diversidade e a diferenza.

Unha oferta que se quere completar en breve coa incorporación dunha oferta propia de posgrao, incluíndo estudos de máster e doutorado en artes escénicas. Liñas de traballo coas que afirmar e consolidar a súa vocación de servizo á sociedade.

Misión

O propósito da ESADg consiste en ofrecer unha educación teatral especializada e de calidade nas vertentes artística, humanística e científica, así como nas dimensións práctica, tecnolóxica e teórica, facilitando o tránsito á vida activa do seu alumnado e potenciando que manteñan no seu comportamento profesional e persoal unha actitude de colaboración e respecto ante os seus semellantes, así como ante o seu contorno sociocultural e o medio ambiente.

Visión

A ESADg é un centro educativo de referencia no seu contorno, contribuíndo á mellora da competencia académica, artística e profesional dos traballadores e traballadoras das artes escénicas, creando e mantendo unha imaxe coidada e de prestixio, e potenciando unha relación fluída e de cooperación coa sociedade en xeral e coas empresas, institucións, asociacións e entidades máis relacionadas coa súa actividade diaria.

Calidade

Ao abeiro do establecido na lexislación educativa aplicable e consonte o establecido na Guía para o Seguimento das Titulacións Superiores de Ensinanzas Artísticas elaborada pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), a ESADg conta cun Sistema de Garantía Interna de Calidade coa finalidade de establecer nos ámbitos da xestión, nos procesos de ensinanza e de aprendizaxe e nas súas liñas de investigación e de creación, políticas de calidade orientadas á prestación adecuada e con criterios de mellora permanente dos servizos que ofrece.

Lingua

A lingua vehicular nos procesos de ensinanza e aprendizaxe será a lingua galega, sen prexuízo de que se utilicen outras linguas en función da natureza dos contidos a tratar. A comunidade escolar da ESADg asume o compromiso de apostar pola promoción da lingua galega nos procesos de expresión, creación, comunicación e investigación escénica. Sempre a través dos mecanismos que se establecen no Proxecto Educativo e no Proxecto Curricular da escola.