ALUMNADO
Preguntas frecuentes
EN BLANCO
Que é a ESAD de Galicia?
A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia é un centro de titularidade pública dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que ofrece ensinanzas oficiais de arte dramática. Está situada no barrio de Navia, en Vigo.
Que podo estudar na ESAD de Galicia?
O centro ofrece o Título de Grao en Arte Dramática nas especialidades de Dirección escénica e dramaturxia, Escenografía e Interpretación. En Dirección escénica e dramaturxia existen dous itinerarios: o de dirección escénica e o de dramaturxia. En Interpretación tamén existen outros dous: interpretación textual e interpretación xestual.
Cando se escollen os itinerarios?
En terceiro curso.
Canto duran estes estudos?
Catro cursos académicos para un total de 240 ECTS, con 60 ECTS por curso. Un ECTS é un crédito europeo, que equivale a 30 horas de traballo (incluíndo nelas as horas lectivas, as titorías e o traballo autónomo). Como media, cada curso implica 900 horas lectivas de formación en aula.
Acceso á escola
Como me podo matricular na escola?
Para matricularte, primeiro tes que superar unha proba de acceso específica. Para poder inscribirte nela tes que ter o título de bacharelato ou estar en posesión dun título de Grao, un Ciclo Formativo de Grao Superior ou unha certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
Se teño materias pendentes de bacharelato podo inscribirme nas probas de acceso?
Si, podes inscribirte entregando unha certificación académica do bacharelato con indicación das materias suspensas. Unha vez realizadas as probas, para matricularte no centro debes ter aprobado xa o bacharelato.
Que bacharelato teño que facer para facer os estudos de Arte Dramática?
Non é obrigatorio ter cursado unha modalidade específica de bacharelato. Agora ben, é recomendable, para realizar estudos na especialidade de escenografía, ter cursado a modalidade de Artes, vía de Artes Plásticas, Imaxe e Deseño.
Probas de acceso
Cando se convocan as probas de acceso?
No mes de abril adoita publicarse a convocatoria, que se fai pública en www.edu.xunta.gal e no Diario Oficial de Galicia. Na páxina web da ESAD de Galicia ( www.esadgalicia.com ) informamos sempre das probas de acceso en canto saen publicadas oficialmente.
Cal é o período de inscrición?
Adoita ir desde abril ata o 15 de xuño. As taxas de inscrición supoñen uns 65 €.
Cando son as probas?
Durante a última semana de xuño ou a primeira de xullo, segundo o calendario que se fai público cada ano.
En que consisten estas probas de acceso?
As probas de acceso son diferentes en cada especialidade. Toda a información sobre cada unha das probas aparece en www.esadgalicia.com
Se supero as probas de acceso, gárdase o aprobado para outro ano?
En ningún caso.
Hai que facer a EBAU para entrar na ESAD de Galicia?
Non, non é necesaria, pero resulta aconsellable realizala se acabas de cursar bacharelato. Hai un bo número de aspirantes que non superan as probas da ESAD de Galicia. Se optan por entrar noutra carreira, a EBAU pode resultarlles imprescindible.
Matrícula
Canto custa a matrícula?
Desde o curso 2024-2025, a matrícula é practicamente gratuíta (está bonificada ao 99%) no primeiro curso. En cursos superiores, para optar á bonificación do 99% hai que matricularse de todos os créditos do curso e ter superado, como mínimo, o 90% da totalidade dos créditos cursados no curso anterior.
Pódese acceder a bolsas de estudos, becas…?
Por suposto. A todas as que convoquen las administracións educativas con carácter xeral.
Como se organiza a matrícula?
En 1º curso hai que realizar matrícula completa e hai que superar cando menos 20 créditos dos 60 para poder continuar os estudos. En 2º, 3º e 4º pódese facer matrícula parcial.
Podo validar materias doutros estudos?
Pódese solicitar recoñecemento de créditos por ter cursado estudos do mesmo nivel: ensinanzas artísticas superiores e/ou universitarias.
Outras
Cal é o horario de clases?
Para o común dos grupos, as clases desenvólvense entre 8:30 a 15:00, cun descanso de media hora. O alumnado de Dirección escénica e Dramaturxia ten algunha materia de prácticas escénicas pola tarde, en 2º e 3º curso. O centro permanece aberto de 8:00 a 20:30, para facilitar a realización de titorías, ensaios e estudo en horarios non lectivos.
Hai residencia e comedor?
O centro dispón dunha cafetaría na que se pode xantar ou tomar algo. Non hai residencia, pero é doado compartir piso. Pódese xestionar a través da AESADG, a asociación de alumnado da ESADg.
Podo visitar as instalacións da escola?
Si, por suposto, ben de forma individual, ben de forma colectiva a través do centro onde estudes. Chama ao 886 121 970 ou envía un correo a esad.galicia@edu.xunta.gal e concerta unha visita ou entrevista.
Como podo coñecer detalles máis específicos da escola?
Na parte superior da nosa páxina web ( www.esadgalicia.com ) pincha no apartado “A ESCOLA” e, dentro del, pincha en “CALIDADE“. Aí aparece toda a documentación do centro, incluída a Guía do alumnado, que atoparás no apartado 06. Admisión do alumnado.
E se teño algunha outra dúbida ou cuestión, como contacto convosco?
Podes chamarnos por teléfono ao 886 121 970 ou, mellor, enviar un correo a: esad.galicia@edu.xunta.gal

