Titulación
A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, centro de ensino público dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ofrece as ensinanzas oficiais de Arte Dramática reguladas na Lei Orgánica de Educación (LOE) e no Real Decreto 630/2010, que conducen á obtención dunha Títulación Superior en Arte Dramática, equivalente a todos os efectos ao título universitario de Grao. Na Comunidade Autónoma de Galicia as ensinanzas están reguladas polo Decreto 179/2015 (Diario Oficial de Galicia do 7 de decembro de 2015) e pola Orde do 21 de novembro de 2016 (DOG do 1 de decembro de 2016).
As ensinanzas superiores de Arte Dramática son ensinanzas oficiais, que se cursan en modalidade presencial, normalmente en horario de mañá, de 8:30 a 15:00. Na ESADg ofrécense as tres especialidades establecidas na lexislación vixente: Dirección escénica e dramaturxia, Escenografía e Interpretación.
Plan de estudos
O Título Superior en Arte Dramática organízase en catro cursos académicos nos que se cursan un total de 240 ECTS (60 ECTS por curso), e cada especialidade contempla os itinerarios que en cada caso se indican entre paréntese. O plan de estudos e as programacións docentes de cada disciplina aparecen recollidos nestes enlaces:
Información básica
Denominación | Título Superior de Arte Dramática |
Créditos / duración | 240 ECTS / 4 cursos académicos |
Responsable calidade | Profesora Mónica Groba Lorenzo |
Tipo de ensinanza | Oficial, pública, presencial |
Número de prazas de novo ingreso | Dirección escénica e dramaturxia: 12
Escenografía: 12 Interpretación: 24 |
Idiomas en que se imparte o título | Galego, castelán, inglés |
Permanencia | 8 anos |
Criterios de acceso | Bacharelato ou equivalente
Proba acceso universidade maiores 25 anos Proba madureza específica |
Perfil de ingreso recomendado | Bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais
Bacharelato de Artes |
Probas de acceso | Si. (⇒Ver Probas de Acceso) |
Matrícula | Xullo (para alumnado de novo ingreso) |
Recoñecemento de créditos | Si. (⇒Ver Alumnado). |
Competencias da titulación
As competencias da Titulación aparecen recollidas no Anexo II do Decreto 179/2015, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática na Comunidade Autónoma de Galicia, publicado no Diario Oficial de Galicia do 7 de decembro de 2015.
Perfil profesional
ESPECIALIDADE DE DIRECCIÓN ESCÉNICA E DRAMATURXIA
O perfil profesional definido na especialidade de dirección escénica e dramaturxia corresponde ao dun/dunha artista que contempla no seu conxunto o proceso de creación teatral e comprende, utiliza, coordina e xestiona as diversas linguaxes que participan na creación dun espectáculo. Desenvolve un proxecto artístico persoal ao mesmo tempo que, coa posible colaboración dos/das artistas e especialistas, harmoniza e dispón os diferentes elementos da creación escénica nun espazo e nun tempo determinados, tratando de suscitar no/na espectador/a emocións, sensacións e ideas a través da palabra e a imaxe. Este/a profesional estará capacitado/a para o exercicio da investigación e da docencia.
ESPECIALIDADE DE ESCENOGRAFÍA
O perfil profesional definido na especialidade de escenografía corresponde ao dun/dunha artista, pensador/a e comunicador/a de imaxes que utiliza basicamente a linguaxe do espazo e a dos obxectos e seres que o habitan. Desenvolve unha visión artística persoal que se combina coa doutros/as artistas e participa nun proxecto artístico ou comunicativo común. Este/a profesional estará capacitado/a para o exercicio da investigación e da docencia.
ESPECIALIDADE DE INTERPRETACIÓN
O perfil definido na especialidade de interpretación corresponde ao dun/dunha artista, creador/a, intérprete e comunicador/a de signos que se utiliza a si mesmo/a como instrumento, integrando os seus recursos expresivos, corpo, voz e os seus recursos cognitivos e emocionais, poñéndoos ao servizo do espectáculo. Desenvolve una visión artística persoal que se combina coa doutros/as artistas participando nun proxecto artístico común. Este/a profesional estará capacitado/a para o exercicio da investigación e da docencia.
Saídas profesionais
ESPECIALIDADE DE DIRECCIÓN ESCÉNICA E DRAMATURXIA
- Creación e/ou dirección de espectáculos en todas as artes escénicas: teatro, danza, ópera, circo, ballet, presentacións e accións escénicas.
- Creación e/ou dirección no audiovisual: cine, radio, televisión, vídeo, publicidade e outros medios.
- Creación e adaptación de textos e outros materiais para a creación escénica, audiovisual e de animación.
- Dirección e asesoría en repertorios, selección de persoal e programación escénica; dirección de teatros e auditorios.
- Dirección e asesoría en proxectos de ocio e entretemento. Produción e xestión teatral e/ou audiovisual.
- Docencia teatral e investigación no eido das artes escénicas.
ESPECIALIDADE DE ESCENOGRAFÍA
- Deseño de espazos escénicos, iluminación, caracterización, indumentaria e publicidade para todo tipo de espectáculos, escénicos e audiovisuais.
- Deseño para cine, televisión, publicidade, animación e videoxogos.
- Deseño e coordinación de actividades diversas en museos, exposicións, instalacións, escaparates, interiores ou parques temáticos. Transformación artística de todo tipo de espazos.
- Xestión e produción teatral, e dirección de actividades e proxectos vinculados coas artes plásticas e as artes da imaxe.
- Docencia teatral e investigación en programas vinculados coas artes escénicas e coas artes en xeral.
ESPECIALIDADE DE INTERPRETACIÓN
- Interpretación en teatro, noutras artes escénicas, e en todo tipo de actos recreativos, sociais e culturais.
- Interpretación en cine, televisión, radio, publicidade e dobraxe.
- Dirección, presentación e condución de eventos, programas e actividades en diferentes medios.
- Xestión e produción teatral. Coordinación e realización de programas de animación sociocultural e teatral, actividades recreativas e de tempo libre.
- Docencia teatral e investigación nas artes escénicas.