CDG LAB

A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e o Centro Dramático Galego únense para reforzar a formación das novas xeracións de profesionais da escena, complementando o ensino do ámbito académico con estratexias de adquisición de competencias que permitan unha incorporación máis axeitada ao mercado laboral.
21 de Febreiro de 2024

CDG LAB

O Centro Dramático Galego desenvolve, en colaboración coa ESADg, unha actividade que vai máis alá dos aspectos directamente relacionados coa produción e a creación teatral. Na súa vocación de servizo á cidadanía ten por obxectivo achegar a actividade escénica ao conxunto da sociedade galega e promover a mellora constante dos profesionais vinculados ao sector escénico.

Tanto o CDG como a ESADg somos conscientes de que o mercado laboral esixe que o alumnado de arte dramática, alén de adquirir competencias académicas, acade coñecementos e habilidades que lle permitan unha axeitada incorporación ao mercado laboral. Nesa estratexia, o Centro Dramático Galego debe ser un punto de referencia para facilitar o tránsito á vida profesional.

O CDG LAB comezou no curso 2020-2021 coa vontade de servir de punto de encontro entre o teatro público e o alumnado da ESADg. Ao longo dos anos fóronse realizando diversas actividades orientadas á formación e o contacto profesional do alumnado, destacando as visitas ao Salón Teatro da man do equipo profesional do CDG e as xornadas de encontro, centradas en diversas áreas: planificación, xestión, comunicación, produción, acompañamento técnico, construción escenográfica, creación artística…

Para o curso 2023-2024, o CDG LAB quere seguir consolidándose, incluíndo no seu programa o contacto coas principais asociacións profesionais do sector, como son a AAAG e Escena Galega. Con ambas as dúas e coa representación do CDG terá lugar un encontro na ESADg. Tamén se realizarán, como noutras edicións, encontros en Santiago de Compostela co equipo e as instalacións do CDG, asistencia a espectáculos no Salón Teatro, encontros con equipos artísticos durante a fase de ensaios ou xornadas de pitching a redor dos proxectos fin de estudos do alumnado da ESADg.

 

Tamén podería interesarche

Mostras de outono 2025
Mostras de outono 2025

As Mostras de outono son un proceso de remate de cuadrimestre e unha oportunidade de observar o...

A ESAD de Galicia convértese, os días 21 e 22 de marzo, no epicentro da educación teatral no...