O Proxecto Nós-Nous é un proxecto internacional que pretende afondar no intercambio de cultura teatral entre Galicia, Portugal e Francia, considerándoo como un territorio escénico común. É un proxecto que promove a profesionalización e internacionalización do alumnado ao final da súa carreira académica, en contacto con creadores de renome internacional.
O proxecto nace no ano 2014, coa intención de trazar pontes educativas e artísticas entre diferentes países, diferentes linguas e diferentes persoas pero cunha linguaxe común e sempre en transformación como é a escénica. A idea primixenia aínda perdura: a de xuntar escolas superiores de arte dramática e os seus correspondentes teatros nacionais nun proxecto a desenvolver polo alumnado cara a unha produción profesional.
Nas primeiras edicións xuntáronse Galicia e Porto, estando presentes a ESAD de Galicia (Vigo), o Salón Teatro do Centro Dramático Galego (Compostela) e a cidade de Porto representada pola ESMAE (Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo) e o Teatro San João. Posteriormente inclúese a cidade de Lisboa coa Escola Superior de Teatro e Cinema (ESTC) e o Teatro Nacional Dona María II.
Previamente á pandemia amplíase o proxecto a Francia, coa L´Ecole Nationale Supérieure des Arts et Techniques du Théâtre (Escola Nacional de Artes e Técnicas Teatrais, ENSATT) na cidade de Lyon e o seu teatro oficial Les Celestines.
O Proxecto NÓS- NOUS está baixo o paraugas do programa europeo Erasmus+ nun convenio K2 firmado entre os tres países, sendo Europa que subvenciona os gastos derivados do Proxecto.
A súa complexidade implica unha involucración de todos os estamentos; académicos por parte das escola, onde o alumnado segue o seu proceso de formación dentro do Proxecto e administrativos, pois a xestión entre as institucións reclama unha maior coordinación de produción, ao seren os teatros oficiais os que aportan e modifican as súas programacións en función das necesidades do Proxecto.
Proxecto Nós-Nous 2023
Na actualidade cada cidade asume o feito de seren anfitrión do proxecto, correspondéndolle neste curso a Lyon, cidade onde vaise a estrear a peza “Ifigenia” de Tiago Rodrigues, dirixida pola actriz, pedagoga e directora de escena Claudia Stavisky.
A convivencia entre o alumnado reflíctese en varios aspectos: no vivencial, en canto as estadías de dous meses de ensaios na cidade anfitrioa e no aspecto profesional, pois o alumnado encárgase de todos os aspectos que compoñen o feito escénico: interpretación, iluminación, escenografía, vestiario, rexedoría, axudantía de dirección e dramaturxista, administrativa, produción, etc.
Datas
Ensaios: do 20 de abril ao 15 de xuño en Lyon (Francia).
Estreas
Lyon: 16, 17 e 18 de xuño.
Santiago de Compostela: do 20 ao 25 de xuño.
Lisboa: do 26 de xuño ao 1 de xullo (por confirmar).
Oporto: do 2 ao 6, e posiblemente os 7 e 8 de xullo (por confirmar).
O alumnado da Escola Superior de Arte Dramática para esta edición son:
Dirección e Dramaturxia: Bañera (Iria Aboal Díaz), nas tarefas de dramaturxia.
Escenografía: Daniel Rodríguez Iglesias, nas tarefas de iluminación.
Interpretación: Laura García Recarey e Lúa Rodríguez Pagán.