ALUMNADO

Preguntas frecuentes

Preguntas e respostas frecuentes (FAQ´s)

Preguntas frecuentes en Arte Dramática. Unha guía de consulta rápida para os futuros estudantes de Dirección escénica e dramaturxia, Escenografía e Interpretación, que soluciona as principais dúbidas que poden xurdir en relación aos procesos de acceso e admisión á Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

EN BLANCO

 

¿Que é a ESAD de Galicia?

A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia é un centro de titularidade pública dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que ofrece ensinanzas oficiais.

¿Que podo estudar?

A ESAD de Galicia ofrece o Título Superior en Arte Dramática nas especialidades de Dirección escénica e dramaturxia, Escenografía e Interpretación. Na especialidade de Dirección escénica e Dramaturxia ofrece os itinerarios de Dirección escénica e de Dramaturxia, e no caso de Interpretación os itinerarios de Interpretación textual e de Interpretación xestual.

¿Canto duran estes estudos?

Catro cursos académicos para un total de 240 ECTS, con 60 ECTS por curso. Un ECTS é un crédito europeo. Como media cada curso implica 900 horas lectivas de formación en aula.

Acceso á escola

¿Como me podo matricular na escola?

Para matricularse, primeiro hai que superar unha proba de acceso específica, e para poder inscribirse na mesma hai que ter cursado o bacharelato, ou ter aprobada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

¿Que bacharelato teño que facer?

Agás no caso da especialidade de escenografía (para a que é recomendable a modalidade de Artes, Vía de Artes Plásticas, Imaxe e Deseño) non é obrigatorio ter cursado unha modalidade específica de bacharelato.

¿E se teño un ciclo formativo de Grao Superior?

Non se contempla esa posibilidade na lexislación vixente.

¿E se non teño bacharelato?

Podes realizar unha proba específica que cada ano realiza a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que consiste nunha proba de madureza en relación aos contidos do bacharelato. Adoita celebrarse a finais de maio e a inscrición nas mesmas faise entre marzo e abril, segundo a convocatoria oficial que se fai pública en www.edu.xunta.es e no Diario Oficial de Galicia.

¿E que fago se suspendo 2º de bacharelato en xuño?

O alumnado que estea cursando 2º de bacharelato e que suspenda algunha materia pode matricularse nas probas e facelas. Se as supera obtén praza, aínda que condicionada a que obteña o título de bacharelato en setembro do mesmo ano.

Probas de acceso

¿Cando se convocan as probas de acceso?

No mes de maio adoita publicarse a convocatoria, que se fai pública en www.edu.xunta.es e no Diario Oficial de Galicia. O período de inscrición das mesmas adoita ser no mes de xuño. As taxas de inscrición supoñen 64 €.

¿Cando son as probas?

Durante a última semana de xuño e a primeira de xullo, segundo o calendario que se fai público cada ano.

¿En que consisten estas probas de acceso?

Nun exercicio específico para cada especialidade que consta de varios apartados. En marzo a ESADg publica a información pertinente para as probas a celebrar en xuño/xullo; ata ese mes está dispoñible a información pertinente das probas xa realizadas no curso anterior.

  • Probas de Acceso.

¿Se supero as probas de acceso, gárdase o aprobado para outro ano?

En ningún caso.

¿Hai que facer a selectividade?

Non, non é necesaria, pero resulta aconsellable.

Matrícula

¿Canto custa a matrícula?

Arredor de 500 €. Non hai que abonar cantidades por outros conceptos ao tratarse dun centro público, agás o seguro escolar (1,12 €). Están previstos os descontos habituais noutros estudos como os de familia numerosa, diversidade funcional, etc. (DECRETO 89/2013, do 13 de xuño, prezos públicos)

¿Pódese acceder a bolsas de estudos, becas…?

Ás que convocan as administracións educativas con carácter xeral.

¿Como se organiza a matrícula?

En 1º curso hai que realizar matrícula completa, e en 2º, 3º e 4º cabe facer matrícula parcial.

¿Podo validar materias doutros estudos?

Pódese solicitar recoñecemento de créditos por ter cursado estudos do mesmo nivel: ensinanzas artísticas superiores e/ou universitarias. O recoñecemento solicítase durante o período de matrícula.

Outras

¿Cal é o horario?

O centro permanece aberto de 8:00 a 21:30, para as actividades lectivas e as non lectivas como ensaios, titorías, actividades complementarias, etc.

¿Hai residencia e comedor?

Non hai residencia, pero é moi doado compartir piso. No taboleiro da ESADg hai moita información. Existe unha cafetería con menú.

¿Podo visitar e coñecer as instalacións da escola?

Ben de forma individual, ou ben de forma colectiva a través do centro onde estudes. Chama e concerta unha visita ou unha entrevista.

¿Onde está a ESAD de Galicia?

En Vigo, no barrio de Navia, na rúa Poza Cabalo, s/n.

Teño máis preguntas…

Consulta en nosa web a Guía do alumnado, chama por teléfono 986 246 399, ou envía un correo: esad.galicia@edu.xunta.es.