ALUMNADO

Preguntas frecuentes

Preguntas e respostas frecuentes (FAQs)

FAQS

Pincha na imaxe para acceder a unha guía de consulta rápida que ofrece respostas ás principais dúbidas que poden xurdir verbo dos procesos de acceso e admisión á Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

EN BLANCO

 

Que é a ESAD de Galicia?

A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia é un centro de titularidade pública dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que ofrece ensinanzas oficiais de arte dramática. Está situada no barrio de Navia, en Vigo.

Que podo estudar na ESAD de Galicia?

O centro ofrece o Título de Grao en Ensinanzas Artísticas Superiores de Arte Dramática nas especialidades de Dirección escénica e dramaturxia, Escenografía e Interpretación. En Dirección escénica e dramaturxia existen dous itinerarios: o de dirección escénica e o de dramaturxia. En Interpretación tamén existen outros dous: interpretación textual e interpretación xestual.

Cando se escollen os itinerarios?

En terceiro curso.

Canto duran estes estudos?

Catro cursos académicos para un total de 240 ECTS, con 60 ECTS por curso. Un ECTS é un crédito europeo, que equivale a 30 horas de traballo (incluíndo nelas as horas lectivas, as titorías e o traballo autónomo). Como media, cada curso implica 900 horas lectivas de formación en aula.

Acceso á escola

Como me podo matricular na escola?

Para matricularte, tes que superar unha proba de acceso específica. Para poder inscribirte nela tes que estar en posesión dalgún destes requisitos:

  • O título de bacharel.
  • A certificación académica do bacharelato, con indicación de materias pendentes.
  • Un título de ensinanzas artísticas superiores.
  • Un título de grao.
  • Un título de técnico superior.
  • Un título declarado equivalente ou homologado aos anteriores títulos. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá achegarse copia da credencial de homologación ao título correspondente do sistema educativo español ou, de ser o caso, o volante de inscrición condicional expedido polo órgano competente.
  • A certificación de ter aprobada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

Se teño materias pendentes de bacharelato podo inscribirme nas probas de acceso?

Si, podes inscribirte e realizar as probas mais, se as superas, para matricularte no centro tes que ter aprobado o bacharelato.

Que bacharelato teño que facer para facer os estudos de Arte Dramática?

Non é obrigatorio ter cursado unha modalidade específica de bacharelato. Agora ben, é recomendable, para realizar estudos na especialidade de escenografía, ter cursado a modalidade de Artes, vía de Artes Plásticas, Imaxe e Deseño.

Probas de acceso

Cando se convocan as probas de acceso?

No mes de abril adoita publicarse a convocatoria, que se fai pública en www.edu.xunta.gal e no Diario Oficial de Galicia. Na páxina web da ESAD de Galicia ( www.esadgalicia.com ) ofrecemos unha ampla información sobre as probas de acceso en canto saen publicadas oficialmente.

Cal é o período de inscrición?

Adoita comezar en abril e rematar a mediados de xuño. As taxas de inscrición supoñen uns 65 €.

Cando son as probas?

Habitualmente, realízanse a finais de xuño ou comezos de xullo, dependendo do calendario que se fai público cada ano.

En que consisten estas probas de acceso?

As probas de acceso son diferentes en cada especialidade. Toda a información sobre cada unha das probas aparece en www.esadgalicia.com

Se supero as probas de acceso, gárdase o aprobado para outro ano?

Non, en ningún caso.

Hai que facer a PAU para entrar na ESAD de Galicia?

Non, non é necesaria, pero resulta aconsellable realizala se acabas de cursar bacharelato. Hai un bo número de aspirantes que non superan as probas da ESAD de Galicia. Se optan por entrar noutra carreira, esa proba de acceso á universidade pode resultarlles imprescindible.

Matrícula

Canto custa a matrícula?

Se cumpres os requisitos establecidos, podes acceder a unha bolsa do Ministerio ou á bonificación que ofrece a Xunta do 99% do custe dos créditos. En todo caso, terás que pagar as taxas administrativas que non cubran as exencións.

Pódese acceder a bolsas de estudos, becas, Erasmus+…?

Por suposto. Os estudos da ESAD de Galicia permiten optar a diversas axudas que convocan as administracións educativas con carácter xeral. A maiores, a oferta de bolsas Erasmus+ do centro é importante e variada.

Como se organiza a matrícula?

En 1º curso hai que realizar matrícula completa, salvo en casos excepcionais autorizados pola normativa vixente. En 2º, 3º e 4º pódese facer matrícula completa ou parcial, ata un mínimo de 30 créditos ECTS e un máximo de 75.

Podo recoñecer créditos ECTS mediante outros estudos ou experiencias realizadas?

Si. Podes solicitar o recoñecemento de disciplinas e créditos ECTS por algúns estudos oficiais cursados anteriormente. Tamén se poden recoñecer créditos por experiencia laboral ou profesional acreditada, nos casos previstos pola normativa vixente.

Outras

Cal é o horario de clases?

Para o común dos grupos, as clases desenvólvense entre 8:30 a 15:00, cun descanso de media hora, aínda que algunhas disciplinas teñen que cursarse en horario de tarde. O centro permanece aberto, por regra xeral, de 8:00 a 20:00, para facilitar a realización desas clases e, tamén, de titorías, ensaios e traballos autónomos.

Hai comedor na Escola?

O centro dispón dunha cafetaría na que se pode xantar ou tomar algo.

Podo visitar as instalacións da escola?

Si, por suposto, ben de forma individual, ben de forma colectiva a través do centro onde estudes. Chama ao 886 121 970 ou envía un correo a esad.galicia@edu.xunta.gal e concerta unha visita ou entrevista.

Como podo coñecer detalles máis específicos da escola?

Nesta páxina web da escola ( www.esadgalicia.com ) aparece toda a información necesaria para coñecer en profundidade os estudos de Arte Dramática ofertados pola ESAD de Galicia.

E se teño algunha outra dúbida ou cuestión, como contacto convosco?

Podes chamarnos por teléfono ao 886 121 970 ou, mellor, enviar un correo a: esad.galicia@edu.xunta.gal