PROBAS DE ACCESO
Convocatoria extraordinaria
Probas extraordinarias de acceso ás ensinanzas da ESAD de Galicia 2026
O luns 27 de abril de 2026 publicouse no Diario Oficial de Galicia a RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2026, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan probas e se ditan instrucións para o acceso e admisión do alumnado nas ensinanzas artísticas superiores da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2026-2027.
Mediante a antedita RESOLUCIÓN convocáronse as probas de acceso para as tres especialidades que a ESAD de Galicia ten implantadas:
- Dirección escénica e dramaturxia
- Escenografía
- Interpretación
Toda a información referente ao procedemento das probas de acceso está dispoñible no portal educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (https://www.edu.xunta.gal/portal/node/).
Prazas ofertadas na convocatoria extraordinaria de setembro
Logo de ter finalizado a convocatoria ordinaria de acceso ás ensinanzas da ESAD de Galicia, para a convocatoria extraordinaria de setembro quedaron as seguintes prazas vacantes
- Dirección escénica e dramaturxia: 10 prazas
- Escenografía: 10 prazas
- Interpretación: 0 prazas
Reservarase un 10% das prazas ofertadas en cada especialidade para as persoas aspirantes que superen a proba específica de acceso e que acrediten o recoñecemento oficial dun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. As prazas reservadas para estas persoas aspirantes que non poidan ser adxudicadas serán ofrecidas ás demais persoas aspirantes pola orde que lles corresponda.
As persoas aspirantes que presenten algunha discapacidade poderán requirir a adaptación para a realización das probas de acceso, de acordo co establecido no artigo 8 das ordes do 21 de novembro de 2016, das ensinanzas artísticas superiores correspondentes. Para tal efecto, as persoas aspirantes deberán presentar no prazo de inscrición a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda.
Reservaranse adicionalmente as prazas necesarias en cada especialidade para o acceso das persoas aspirantes coa condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento que reúnan os requisitos académicos establecidos, conforme o indicado no artigo 9 das ordes do 21 de novembro de 2016, das ensinanzas artísticas superiores correspondentes.
Requisitos de acceso á convocatoria extraordinaria
De acordo co establecido no artigo 7 da Lei 1/2024, do 7 de xuño, para acceder aos estudos de grao en ensinanzas artísticas superiores de arte dramática será preciso:
a) Estar en posesión dalgún destes documentos:
- Título de bacharel.
- Título de ensinanzas artísticas superiores.
- Título universitario.
- Título de técnico superior.
- Título declarado equivalente ou homologado aos anteriores títulos. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá achegarse copia da credencial de homologación ao título correspondente do sistema educativo español ou, de ser o caso, do volante de inscrición condicional expedido polo órgano competente.
- Certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
- Certificación académica do bacharelato, con indicación de materias pendentes.
b) Ter superado unha proba específica de acceso á especialidade á que se opte, proba na que se deberá demostrar que se posúen os coñecementos, as capacidades, as habilidades e as aptitudes necesarias para cursar con aproveitamento as ensinanzas.
Procedemento de acceso e admisión
Velaquí a estrutura que terá o procedemento de acceso e admisión á convocatoria extraordinaria de setembro das ensinanzas da ESAD de Galicia.
1) FASE DE INSCRICIÓN
O período de inscrición abrangue os días 28, 29, 30 e 31 de xullo, así como o día 1 de setembro de 2026.
Toda a documentación de cada solicitude de inscrición poderá enviarse por correo electrónico ao enderezo esad.galicia@edu.xunta.gal ou poderá entregarse presencialmente na administración da ESADg durante o período de inscrición, en horario de 9:00 a 13:00.
EN BLANCO
Documentación requirida na inscrición
As persoas solicitantes deberán achegar no prazo de inscrición a seguinte documentación:
1) Solicitude de inscrición cuberta (descarga aquí o formulario)
2) Copia do DNI, NIE ou pasaporte da persoa solicitante.
3) Copia do DNI, NIE ou pasaporte da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante. En tal caso, é imprescindible a acreditación da representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.
4) Xustificante do pagamento dos prezos públicos segundo o Decreto 89/2013, do 13 de xuño (DOG do 17 de xuño), segundo un destes modelos oficiais, xunto cos certificados de exención ou redución correspondente, se é o caso:
Modelo E (autocopiativo en papel facilitado nas secretarías dos centros).
Modelo AI.
Modelos 730 e 731, xerados electronicamente na Oficina Virtual Tributaria da Axencia Tributaria de Galicia (https://ovt.atriga.gal).
GUÍA PARA O PAGAMENTO DAS TAXAS en OVT.ATRIGA.GAL
1. Acceder á web da Oficina Virtural Tributaria na dirección ovt.atriga.gal
2. Dentro da opción Pago de taxas e prezos, premer no botón Iniciar taxa e seleccionar a opción de Acceso libre.
3. Premer no botón Iniciar taxa.
4. Cubrir cos seguintes datos:
Taxa: 352500 – ENSINANZAS REGRADAS DE ARTE DRAMÁTICA
Consellería: 07 – EDUCACIÓN, CIENCIA, UNIVERSIDADES E FORMACIÓN PROFESIONAL
Servizo: 03 – ENSINO MEDIO
Delagación:v41 – VIGO
Obxecto: PROBAS DE ACCESO Á ESAD DE GALICIA
A ingresar: 64,00
5. Premer Continuar.
6. Cubrir os datos identificativos e premer Continuar.
7. Aparecerán entón dúas opcións de pago: Pago telemático ou Descargar modelo presencial para imprimir e efectuar o pago nunha entidade financeira colaboradora ou mediante transferencia bancaria.
8. Unha vez feito o trámite, obterase o xustificante do pago.
5) Documentación xustificativa do requisito de titulación. As persoas solicitantes deberán presentar, polo menos, un dos seguintes documentos:
Título de Bacharel.
Título de ensinanzas artísticas superiores.
Título universitario.
Título de técnico superior.
Titulo declarado equivalente ou homologado aos anteriores títulos. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá achegarse copia da credencial de homologación ao título correspondente do sistema educativo español ou, de ser o caso, do volante de inscrición condicional expedido polo órgano competente.
Certificación de ter superado a proba de acceso á Universidade para maiores de 25 anos.
Certificación académica do bacharelato, con indicación de materias pendentes.
6) Documentación específica segundo corresponda.
Para resolver calquera dúbida en relación coa inscrición, as persoas que así o desexen poderán poñerse en contacto coa administación da escola a través do correo electrónico esad.galicia@edu.xunta.gal
Procedemento de inscrición
Se se envía a documentación por correo electrónico, non será preciso presentala novamente no centro, sen prexuízo das actuacións de comprobación e validación que correspondan.
A solicitude entenderase presentada na data en que teña entrada no rexistro da ESAD de Galicia ou no correo electrónico esad.galicia@edu.xunta.gal
As solicitudes de inscrición debidamente formalizadas terán carácter único e vinculante para o curso académico 2026/27, sen posibilidade de modificación unha vez rematado o prazo de inscrición establecido.
Considerarase válida unicamente a última solicitude formalizada para a ensinanza artística superior e proba específica correspondente, dentro do prazo de inscrición. Quedarán sen efecto as anteriormente presentadas.
Concluído o prazo de presentación de solicitudes de inscrición, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia publicará o día 2 de setembro de 2026 na súa páxina web (neste enderezo) a relación provisional de persoas inscritas admitidas e excluídas. Tamén se publicará no taboleiro de anuncios da ESAD de Galicia.
Durante o día 3 de setembro de 2026, as persoas excluídas poderán reclamar e emendar as causas que motivaron a súa exclusión mediante escrito dirixido ao correo electrónico esad.galicia@edu.xunta.gal
As alegacións entenderanse resoltas e notificadas para todos os efectos coa publicación, o día 4 de setembro de 2026, tanto na páxina web da escola (ir ao link) como no taboleiro de anuncios da listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas.
2) FASE DE PROBAS
O día 7 de setembro 2026, realizaranse as probas específicas para cada especialidade (por unha banda, Dirección escénica e dramaturxia; por outra, Escenografía) segundo o calendario e horarios que se indican máis abaixo. Logo de se realizaren as probas:
- O 8 de setembro de 2026 publicarase na web da ESADg (ir ao link) e no taboleiro de anuncios do centro a listaxe provisional de cualificacións da proba específica.
- Habilitarase un período de reclamación contra a listaxe provisional o día 9 de setembro.
- O día 10 de setembro publicarase na web da ESADg (ir ao link) e no taboleiro de anuncios do centro a listaxe definitiva de cualificacións.
3) FASE DE ADXUDICACIÓN E MATRÍCULA
O día 10 de setembro de 2026 (neste link e no taboleiro de anuncios da ESADg) a listaxe de adxudicacións de prazas.
As persoas aspirantes que obteñan praza deberán formalizar a súa matrícula o día 11 de setembro de 2026.
Descrición das probas
EN BLANCO
Dirección escénica e dramaturxia
DATA PROBAS: Luns, 7 de setembro de 2026
As probas de acceso para a especialidade de Dirección escénica e dramaturxia presentan a estrutura que se indica a continuación.
9:00 Recepción das aspirantes, condución ao espazo de realización das probas, información sobre os exercicios e comprobación da identidade das aspirantes. É necesario presentar o D.N.I. ou no seu defecto calquera documento de identificación persoal.
9:30 EXERCICIO 1. Comentario dun texto teórico sobre a dirección escénica e/ou a dramaturxia (20% da nota final).
Nesta proba presentaranse dous fragmentos textuais de dúas obras diferentes. As aspirantes elixirán un deles e realizarán o comentario durante un tempo máximo de 60 minutos.
- Manual de práctica teatral feminista, de Elaine Aston. Editorial Galaxia.
- Pensar co corpo, de Manuel Lourenzo. Deputación Provincial da Coruña.
Valorarase a comprensión da idea principal e das secundarias do texto, así como a presentación de opinións persoais respecto aos argumentos expostos. Tamén se avaliará se a aspirante é quen de situar o discurso do/a autor/a do texto no marco das artes escénicas ou doutras artes afíns, establecendo relacións con prácticas, teorías ou experiencias persoais que a aspirante coñeza.
10:45 EXERCICIO 2. Realización dunha proposta de escenificación (20% da nota final).
Neste exercicio presentaranse dous fragmentos, un de cada un dos seguintes textos:
- Hamlet, de William Shakespeare. Editorial Galaxia.
- Os cans non comprenden a Kandinsky, de AveLina Pérez (enlace para a lectura do texto)
Cada aspirante elixirá un dos fragmentos presentados e, a partir del, formulará a súa proposta, tendo en conta o marco xeral da peza dramática á que pertence.
Valorarase a coherencia entre a visión particular da aspirante sobre o texto proposto e a súa resolución do proxecto escénico. Así, é recomendable que o proxecto sitúe a escena no contexto da obra completa á que pertence, que aclare os núcleos de interese dese fragmento, que indique o enfoque escénico polo que se opta e que detalle as solucións artísticas escollidas. Neste sentido, é importante articular unha proposta na que diversos elementos da linguaxe escénica (interpretación, espazo escénico, vestiario, iluminación, espazo sonoro…) se vexan reflectidos, xustificando tales eleccións e poñéndoas en relación unhas con outras.
12:00 EXERCICIO 3. Escrita dun texto dramático (20% da nota final).
Neste exercicio presentaranse, como nos casos anteriores, dúas opcións. En cada unha ofreceranse certos parámetros a partir dos cales se terá que desenvolver a escrita dunha escena ou peza breve. Eses parámetros poden ser de diversa natureza. Poden consistir nunha determinada estrutura de acción na que se indiquen os actantes fundamentais (suxeito/protagonista, opoñentes/antagonistas, axudantes, etc.). Poden delimitar certos personaxes nun espazo determinado. Poden consistir nunha réplica, suceso ou referencia que desencadee a acción dramática.
Sexan cales foren as pautas iniciais que se presenten neste exercicio, valorarase a adaptación da escrita dramática a esas premisas dadas, así como o grao de coherencia e sentido da proposta.
13:30 EXERCICIO 4. Dirección actoral dunha composición escénica breve (20% da nota final).
Cada aspirante dirixirá unha composición escénica a partir dun breve diálogo proposto polo tribunal. Para a realización desta proposta, cada aspirante contará coa colaboración doutras dúas persoas aspirantes, que actuarán como intérpretes. Recoméndase indicar, ao inicio do exercicio, as claves xerais da situación escénica e, máis tarde, a partir da observación do traballo actoral, propor novas indicacións que vaian mellorando os resultados obtidos.
O exercicio desenvolverase durante un mínimo de 5 minutos e un máximo de 10.
16:00 – 20:00 EXERCICIO 5. Entrevista persoal (20% da nota final).
Logo de ser publicada a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas das probas de acceso, notificaráselle a cada aspirante o horario de realización da súa entrevista, dunha duración aproximada de 30 minutos.
Nesta proba, cada aspirante lerá en voz alta, diante do tribunal, os tres exercicios escritos. Ao remate desa lectura, o tribunal poderá facer preguntas sobre eses contidos.
Logo, cada aspirante fará, durante un máximo de 5 minutos, unha presentación de si mesma na que, ademais de datos persoais, indique que motivos a levan a querer entrar na escola, por cal das opcións ten maior interese (dirección escénica ou dramaturxia) no caso de telo claro, cales son as súas experiencias ou referencias artísticas, que dispoñibilidade terá para o seguimento dos estudos… Logo desta presentación, o tribunal poderá efectuar algunha pregunta que axude a completar ou precisar a información trasladada pola aspirante.
Escenografía
DATA PROBAS: Luns, 7 de setembro de 2026
—
Todos os soportes e materiais necesarios para o desenvolvemento destas probas deberán ser achegados por cada aspirante.
9:00 Recepción das aspirantes, condución ao espazo de realización das probas, información sobre os exercicios e comprobación da identidade das aspirantes. É necesario presentar o D.N.I. ou no seu defecto calquera documento de identificación persoal.
9:15 EXERCICIO 1. Debuxo ao natural a cor (40% da cualificación final).
A partir dunha proposta comunicada polo tribunal ao inicio da proba (unha imaxe, unha peza musical, un poema, etc.), as aspirantes deberán realizar un debuxo libre ao natural a cor. A elección do soporte será libre (bidimensional ou tridimensional, papel, cartón, madeira, etc.) pero o tamaño mínimo será o formato A3. A técnica a empregar tamén será libre (acuarela, gouache, acrílico, lapis de cores, pasteis, collage, frottage, grattage, rotuladores, etc.).
11:15 DESCANSO
11:45 EXERCICIO 2. Deseño de escenografía (40% da cualificación final).
A partir dun fragmento dun texto dramático facilitado polo tribunal ao inicio da proba, as aspirantes deberán realizar unha proposta de deseño do espazo escénico e das personaxes. A elección do soporte será libre (bidimensional ou tridimensional) pero o tamaño mínimo será o formato A3. A técnica a empregar tamén será libre (construción, ensamblaxe, collage, pintura, etc.).
13:45 ENTREVISTA PERSOAL (20% da cualificación final).
Cunha duración non superior a vinte minutos, terá como finalidade coñecer as experiencias previas dos aspirantes no ámbito das artes plásticas e no campo escénico, así como os seus intereses e expectativas en relación cos estudos. Valorarase a achega por parte das aspirantes dun cartafol con traballos plásticos e/ou experiencias relacionadas co feito teatral ou artístico que considere oportunos aportar ao tribunal.
Rúbricas de avaliación
EN BLANCO
